14/5/09

Recrean en Vigo o despacho de Ramón Piñeiro

Numerosos intelectuais antifranquistas compartiron diálogo co pensador de Láncara na mesa-padiola que desde hoxe se pode visitar na Casa da Cultura. Efe. 14/5/2009

A Fundación Penzol recreou o despacho de Ramón Piñeiro do seu domicilio da rúa Xelmirez de Santiago, coa súa soada mesa-padiola, que permanecerá instalada na Casa da Cultura, sede da institución en Vigo.

O coordinador desta iniciativa, Henrique Monteagudo, declarou a Efe que se trata de «unha homenaxe á persoa de Piñeiro, porque o seu traballo foi de ti a ti, moi persoal», en alusión aos numerosos intelectuais antifranquistas que pasaron por este despacho e compartiron diálogo e inquietudes co pensador de Láncara ao redor da mesa-padiola.

A recreación está composta polo mobiliario auténtico do despacho, que «estaba en moi bo estado de conservación, ata nos detalles ornamentais», debido á meticulosa custodia da familia do escritor ao que este ano se dedica o Día dás Letras Galegas.

Monteagudo destacou que «durante o franquismo, a transmisión da cultura galega tiña que facerse na clandestinidade, non se podía facer publicamente» e, «neste despacho, Piñeiro exerceu un traballo fundamental na transmisión da cultura de Galicia antes da Guerra».
«A nómina case completa da intelectualidade galeguista da segunda metade do século vinte reuniuse aquí, ao redor desta mesa padiola mítica», recordou Monteagudo.

O responsable da iniciativa destacou a colaboración da Concellaría de Cultura de Vigo e a anterior Consellería de Cultura da Xunta de Galicia na recuperación do espazo onde Piñeiro traballou «de forma incansable en favor da lingua galega e a recuperación da identidade cultural e política de Galicia», segundo a Fundación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario