Mostrando entradas con la etiqueta OFICIOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta OFICIOS. Mostrar todas las entradas

22/4/09

O BARQUÍN EN FUNCIONAMENTO

Aquí tedes uns vídeos realizados por Alex , alumno de 1º de ESO. No 1º podedes ver como o fol proporciona o aire necesario para que o carbón poida arder. Se observades ben é unha forxa familiar , das que eran habituais na zona. Esta forxa está situada en Vilar de Conforto.


Neste 2º vídeo escoitamos o son do martelo ao bater o ferro na incre e as primeiras prácticas dun pequeno ferreiro.

15/3/09

POLAFÍA

Aquí tedes o significado de polafía. A información provén da AELGA . As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións. A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o rescatar do esquecemento e poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio. O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; e dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores… etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.


10/3/09

Visita ao Mazo de Ferreiravella




Hoxe pola tarde os alumnos e alumnas de 1º de ESO realizaron unha visita ao Mazo da Fraga, en Ferreiravella. A actividade estaba programada para que os alumnos visen "in situ" o funcionamento dun mazo hidráulico e a rehabilitación dunha ferrería que, ata fai pouco tempo, estaba cuberta de silvas.
Espero que esta saida cultural servise para que se decatansen do rico patrimonio etnográfico que temos na nosa zona.