21/12/16

BO NADAL E FELIZ 2017

O EDL do centro quere desexar toda a comunidade educativa do IES Enrique Muruais unhas felices festas de Nadal e un venturoso ano 2017.



Postal gañadora do concurso de Nadal 2016

NADAL 2016

Tralo concurso de postais, actividade organizada polo EDL do centro, quedou gañadora a postal da alumna de 2º ESO, Lucía Pedride Moirón. Noraboa, Lucía!!

Tamén levamos adiante o I Concurso de cartas ao Apalpador e as gañadoras foron as seguintes alumnas:

1º PREMIO: Celtia Dorrío Rico (2º ESO)

2º PREMIO: Paula Lombardía Castrillón (2º ESO)

3º PREMIO: Miriam Fernández Lavandera (2º ESO)


       Parabéns a todas elas e moitas grazas a todo o alumnado pola súa participación!!





ACTUACIÓN DE CELSO SANMARTÍN

Hoxe estivo no noso centro o contacontos Celso Sanmartín. Durante 1 hora de actuación puidemos escoitalo e desfrutar coas súas historias. Tanto o alumnado como o profesorado quedamos encantad@s da súa extraordinaria capacidade narradora; historias, as súas, tiradas principalmente da tradición oral.


12/12/16

VAINOS ACOMPAÑAR...

Celso Fernández Sanmartín, contacontos lalinense, estará proximamente connosco para entreternos coas súas historias. Será o vindeiro mércores 21 de decembro. Unha boa maneira de rematar o trimestre e darlle a benvida ás vacacións de Nadal.




3/12/16

CHEGA O NADAL!

Ola!! Estamos preparando o Nadal deste ano e dende o ENDL en colaboración coa biblioteca  do centro propoñémovos a participación en dous concursos: o das postais de Nadal como vén sendo habitual cada ano  e, ademais, o I Concurso de cartas ao  Apalpador.

 As bases do concurso de postais xa van incluídas no cartaz que elaborou Irene Díaz Alonso como integrante do equipo. 


                               
                       Cartaz feito por Irene Díaz Alonso (ENDL)

En canto ás bases para o concurso de cartas, son as seguintes:

BASES:

1.       Poderá participar todo o alumnado do centro.
2.       As cartas deberán presentarse en  DIN A4 como máximo 2 folios por unha cara.
3.       Poderán decorarse as cartas, se se desexa.
4.       Os traballos deberán incluír nome, apelidos e curso.
5.       As cartas deben redactarse en galego
6.       Valorarase, ademais da corrección dos escritos, a orixinalidade da mensaxe (a petición para ti ou para a/s persoa/s que coñeces) e  os valores positivos de sensibilidade e solidariedade que transmitan.
7.       As cartas deberán depositarse nunha caixa de correo que haberá na entrada da biblioteca.
8.       O prazo de presentación dos traballos será ata o xoves 15 de decembro.
9.       Haberá premios aos gañadores e por participación.




                             AGARDAMOS A VOSA PARTICIPACIÓN!!!

28/11/16

AS IRMÁS MIRABAL

 O ENDL do noso centro elaborou un arquivo coa vida e obra de tres irmás dominicanas, as irmás Mirabal,  convertidas en todo un símbolo de loita contra a ditadura de Trujillo. En honor a estas valentes, cada ano recordámolas o 25 de novembro, Dia Internacional contra a Violencia de Xénero. Se desexas velo, preme IRMÁS MIRABAL



25/11/16

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Durante esta xornada do venres 25 de novembro, o noso centro quixo sumarse á celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Colocamos un crespón negro á entrada do centro e repartíronse lazos negros a todo o profesorado, alumnado e persoal non docente do instituto.

Tamén se entregaron polas clases, uns textos referidos ás irmás Mirabal para que o alumnado coñecese a relación que tivo a vida destas mulleres para a conmemoración desta data.



23/11/16

ENTREGA DE PREMIOS CONCURSO DE CABAZAS

O luns 21 no recreo entregáronse os premios ás gañadoras do concurso de cabazas 2016. Fixo entrega dos mesmos a coordinadora do EDNL, Carme Peón.
Non só recibiron agasaios o 1º e 2º premio, senón que tamén houbo un pequeno obsequio aos demais participantes.

Noraboa a tod@s e graciñas pola vosa participación!!! Agardamos contar convosco en vindeiras celebracións.




18/11/16

AS CABAZAS GAÑADORAS DO CONCURSO

Estas foron as cabazas que resultaron gañadoras neste concurso do ano 2016:




1º premio: Marta, Carme, Mariña e Uxía 1º ESO B



2º premio: Antía e Ainara 1º ESO A
O certo, é que todas eran moi chulas e ao xurado, resultoulle complicada a elección dos dous premios.

RESUMO EN VÍDEO DO SAMAÍN E MAGOSTO 2016

Aquí vos deixamos un resumo do que foi a nosa celebración este ano do Samaín e o magosto. Para poder visualizalo, preme AQUÍ

A ver se vos gusta... Ata o ano que vén!!!!

CELEBRACIÓN DO SAMAÍN E MAGOSTO

Este ano celebramos o SAMAÍN e o MAGOSTO o día 11 de novembro. As actividades que se levaron a cabo no centro, foron programadas  conxuntamente polo EDNL e o DAE. O Departamento de Plástica, a Biblioteca do instituto, o Departamento de Orientación e aula de PT e, en xeral, o profesorado e o alumnado do centro tamén colaboraron activamente.
As actividades programadas foron as seguintes:
·         Decoración do centro con motivos referidos ao Samaín.
·         Concurso de cabazas.
·         Exposición de libros de terror
·         Exposición de contos e lendas do contorno propios da celebración( 1º ESO)
·         Traballos sobre a distribución e orixe do castiñeiro (2º ESO)
·         Traballo sobre a festa do Magosto: historia e tradicións (3º ESO)
·         Poemas  e frases (4º ESO)
·         Cantigas e refráns ( 1ºBACH)
·         Elaboracións de postres e exposición de fotos (2º BACH)
·         Degustación de castañas na cafetaría do centro.
·         Xogos no patio e no ximnasio

Durante os días previos á celebración do magosto o día 11, fíxose un amplo repertorio de actividades nas aulas referidas aos traballos de investigación, así como todo o que tivo que ver coa decoración do centro e as exposicións de cabazas e de libros con temática de medo.
A verdade é que aínda que foi moito o tempo que lle adicamos entre todos a esta celebración, pasámolo moi ben e puidemos desfrutar coa mesma.
Aquí vos deixamos, coma sempre, un resumo do que deu de si esta celebración anual.
Tamén queremos parabenizar ás gañadoras do concurso de cabazas e por suposto, agradecer a todo o alumnado a súa participación no mesmo.
Os premios foron parar a 1º ESO:



 MOITAS GRAZAS POLA VOSA PARTICIPACIÓN E ATA O ANO QUE VÉN!!

28/10/16

TEMPO DE SAMAÍN

Dende o EDL do noso instituto achegámosvos o cartaz anunciador do Samaín dete ano. Foi elaborado por Irene de 1º BACH. Esta mesma semana, incluirémosvos o programa completo do que imos realizar xunto co Departamento de Actividades Extraescolares.



5/10/16

ADEUS A FRAN CORTEGOSO

O poeta pontevedrés Fran Cortegoso, finaba hoxe na súa casa de Bora aos 31 anos, logo de estar loitando durante un tempo contra unha enfermidade. Precisamente, no día do seu falecemento chegaba ás librarías o seu libro Suicidas.
Segundo describe a editorial que publica o seu libro, Suicidas é "un dos máis importantes e conmovedores textos da poesía galega das últimas décadas".
A primeira obra de francisco Cortegoso foi Ningún home un poemario publicado na Revista das Letras no Galicia Hoxe en 2008 e no ano 2013 gañou o Premio de poesía Pérez Parallé coa obra Memorial & Danza.




 

SOMOS UN EQUIPO




Este ano escolar 2016-2017 que comezamos, o noso ENDL estará formado polas seguintes persoas

Profesorado:

Elena Aller González
Mercedes Bouza Fernández
Carme López Peón (coordinadora)
Ángeles Rodríguez Llamazares
               
Alumnado: 

Paula Lombardía Castrillón (2º ESO)
Denís Cancelas Mera (3ª ESO)
Sarai López Morado (4º ESO)
Irene Díaz Alonso (1º BACH)

           

Representante da Administración e servizos:

José Vega Chao


23/9/16

COMEZAMOS...

Ola, benvid@s ao novo curso 2016-2017 a este recuncho do ENDL do IES Enrique Muruais. Comezamos dando dúas novas, unha mala e outra boa. A mala foi a morte neste verán, mentres estabamos de vacacións, do escritor Agustín Fernández Paz. O autor vilalbés, un dos máis recoñecidos da literatura infantil e xuvenil galega deixounos o pasado 12 de xullo, logo dunha longa enfermidade. Grande perda para a literatura galega en especial e para as letras en xeral.



Agustín Fernández Paz (1947-2016)
                 "Todas as historias se tecen cos fíos da vida" (Agustín Fernández Paz)


A boa nova, vén da man do escritor galego Carlos Casares que foi o elixido pola Real Acadermia Galega para  das Letras Galegas 2017. Desfrutando aínda da obra de Manuel María, celebramos o recoñecemento da figura deste escritor nado na comarca da Limia (Ourense).


Carlos Casares (1941-2002)
                                                        

24/5/16

HOXE 24 DE MAIO NO INSTITUTO...

ACTUACIÓN DE LEO I ARREMACÁGHONA ÁS 5 DA TARDE NO XIMNASIO DO CENTRO.
Será presentado por Sarai López Morado, alumna de 3º ESO e membro do EDL.

                                                 Agardamos que vos guste!!!

                   

13/5/16

ACTUACIÓN DE O LEO l ARREMECÁGHONA!!

Martes 24 de maio será o día previsto para a actuación musical no noso instituto de O Leo I Arremecághona!! 
Estará presente todo o alumnado do centro e a actuación será no ximnasio do centro en horario de 17:00 ata as 17:50. Organiza a actividade o Equipo de Normalización Lingüística por mor da celebración da data das Letras Galegas.
Se queredes ver máis información sobre este artista, podedes consultar o seu  FACEBOOK ou ben na súa conta de TWITTER e mesmo na WIKIPEDIA






 

VISITA DO IES DE CURTIS

Para o próximo luns 23 de maio está previsto que o alumnado xunto con profesorado do IES de Curtis nos devolvan a visita que nós lles fixemos ao seu centro, dentro dun programa de intercambio organizado polos clubs de lectura da Biblioteca do centro xunto co Equipo de Normalización Lingüística.
O programa dese día será o seguinte:


  • Recepción por parte da Dirección e presentación. Na aula de audiovisuais de 10:35 a 11:15
  • Charla con Sabela sobre o libro "O agasallo de Anya". Aula de audiovisuais de 11:15 a 12:05
  • Xogos populares e carreira de coches globo. Na pista polideportiva de 12:05 a 13:00
  • Visita guiada pola Pontenova. De 13:00 a 14:00
  • Xantar ás 14:00

       O alumnado participante serán os cursos de 1º e 2º  da ESO e a alumna de 3º ESO Sarai López Morado.
O alumnado do centro terá clase ata o recreo e a partires deste, incorporarase ás actividades xunto co alumnado do IES de Curtis.

6/5/16

LETRAS GALEGAS 2016






Por mor da celebración das Letras Galegas, este ano adicadas ao escritor Manuel María, inclúense aquí unha serie de recursos e materiais que poden consultarse para saber máis da figura do poeta chairego.

- Visita virtual á Casa Museo Manuel María. Preme AQUÍ
- Entrevista na radio a Manuel María. Preme AQUÍ
- Actividades do Seminario Galán. Preme AQUÍ
- Vídeo "As Letras Galegas".  Orixe e Homenaxeado 2016. Preme AQUÍ
- Telexornal Manuel María. Preme AQUÍ
- Real Academia Galega. Preme AQUí

26/2/16

MENSAXES AO CORAZÓN

Despois duns días de estar na entrada do centro o corazón para que puxerades as vosas mensaxes de amor e de amizade, este foi o resultado. Dar as grazas, principalmente ao alumnado de 1º e 2º da ESO pola súa participación e algún/algunha quixo deixar máis dunha mensaxe ...inspiración e amor ao poder!!!



           

24/2/16

MOBILIZA ROSALÍA

A Asociación de Escritores da Lingua Galega (AELG) convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) nos centros de ensino para difundir a súa obra co envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía do poema IV de Cantares gallegos:


                              Trocando en sonrisas/queixiñas e choros.


Enviarase a través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía.

   ANIMÁDEVOS A FACELO, PROFESORADO E ALUMNADO ... É DOADO E SÓ LEVA UNS MINUTOS.


#mobilizarosalía #DíadeRosalía



A Biblioteca do centro tamén se quere unir a esta homenaxe a Rosalía, coa colocación no LIBRO, que hai na entrada do instituto, de libros da autora e uns versos dos seus poemas máis coñecidos. Nos andeis deste LIBRO os podedes ver.

 

DÍA DE ROSALÍA

Nada mellor que comezar esta data coa Alborada de Rosalía.

ALBORADA DE ROSALÍA

11/2/16

DÍA DO AMOR

O ENDLG quere celebrar para este 14 de febreiro o DÍA DO AMOR e para iso proponvos que deixedes nun corazón grande que se pon na entrada do centro, mensaxes de amor ou de amizade para quen desexedes.




                         ANIMÁDEVOS E PARTICIPADE!!!

29/1/16

ENTROIDO 2016

O ENDL do IES Enrique Muruais está a preparar o Entroido deste ano. Temos o Meco que foi deseñado e elaborado por Alberte de 4º da ESO e agora comezamos coas ordes para a vindeira semana.

Preparad@s, list@s e ....XA!!! damos paso a esta edición, Entroido 2016





Meco 2016.  Alberte 4ºESO