2/6/17

VÍDEO DA VIAXE A MONTERROSO

Para que vexades un resumo do que foi a nosa viaxe a Monterroso, deixámosvos un vídeo. Esta actividade foi realizada conxuntamente polo EDNL e a biblioteca do noso instituto.
Para ver o vídeo 
Para ver o vídeo preme AQUÍ


VISITA A MONTERROSO

O pasado día 1 de xuño, o alumnado de 1º e 2º ESO ademais da xente pertencente ao club de lectura e ao ENDL devolvímoslles a visita ao IES Monterroso e aló fomos pasar unha xornada de intercambio  estupenda.
Chegamos polas 10:30, era día de mercado en Monterroso e  e recibíronnos o profes e @s alumn@s que xa viñeran días antes á Pontenova.
Despois dos correspondentes saúdos, pasáronnos á biblioteca onde a través dunha presentación de vídeo nos ensinaron moitas cousas do seu pobo e doutras localidades coma Antas de Ulla onde tamén vive parte do alumnado que estuda nese centro. Logo de rematar dita presentación, estivemos comentando sobre libros que leramos en común, sobre os gustos e preferencias de lecturas. Despois disto pasamos á cafetaría do centro onde comemos e tomamos algo porque iamos deseguido comezar a camiñar e a facer unha visita á empresa Alibos onde se comercializa a castaña conxelada tanto da provincia de Lugo coma a de toda Galicia.
 Persoal da empresa ensináronnos todas as instalacións e explicáronnos ao detalle as orixes da empresa que primeiramente naceu comercializando cogomelos, ata que mudou a súa actividade pola da castaña pelada e conxelada, chegando a acadar un volume anual de 5000 t. anuais deste produto tan típico de Galicia.
Soubemos e coñecimos os pasos que se  dan dende o almacenamento do produto, pasando polos controis de calidade, calibrado e selección por tamaño,o pelado e envasado... todo elo con técnicas e maquinaria moderna.Esta empresa é maior exportadora de agricultura ecolóxica de Galicia; contan con soutos de seu, pero teñen que importar castaña doutros países porque a produción que hai preto da fábrica, non dá abastecido á mesma. Nos obxectivos da fábrica están o fomentar as plantacións, que se poida vivir da castaña e así tamén poder fixar a poboación.
Desta fábrica saen moi variados produtos como marrón glacé, crema de castañas, puré de castañas e outros.
Despois de tan interesante visita á empresa Alibos, saímos polas rúas de Monterroso cara á Peneda onde se atopa o club fluvial con piscinas e toda unha área recreativa para pasar unha xornada marabillosa. O percorrido ata chegar á Peneda é moi fermoso cunha contorna natural que che transmite paz e beleza e desde logo é todo un luxo para a vista de calquera. Alí comemos e pasámolo xenial xogando e gozando coa auga da contorna que ademais nos serviu para aliviar a calor que facía ese día. Como tamén hai bar na Peneda, puidemos tomar xeados.
Despois ás 15:30 abandonamos o lugar e nos autobuses que nos transportaba ao alumnado e profes dos dous centros, fomos coñecer o Castelo de Pambre en Palas de Rei, non moi lonxe de onde estabamos.
O Castelo de Pambre foi construído alá polo ano 1345, está situado sobre un enorme penedo e arrodeado por unha muralla. Consta de unha torre alta e ao redor outras catro máis baixas que o arrodean. Foi a única construción deste tipo que resistiu a revolta irmandiña. Este castelo estivo durante tempo pechado ao público por obras de rehabilitación e abriu de novo a suas portas o ano pasado.
E con esta visita, demos por finalizada a nosa estancia en Monterroso e con ela, unha xornada moi especial de convivencia con compañeir@s e profes do instituto. Dende este blog queremos darlles as grazas pola estupenda acollida, por facernos sentir tan ben e por darnos a oportunidade de coñecer parte da comarca da Ulloa.... ah! e por eses doces tan bos cos que nos agasallaron e que puidemos degustar ao día seguinte no noso centro durante o recreo.
Mil grazas a tod@s e sabede que podedes vir visitarnos cando queirades  á Pontenova.