17/5/10

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010


MANIFESTACIÓN DE QUEREMOS GALEGO EN SANTIAGO



Decenas de miles de persoas claman contra a política lingüística da Xunta




Varias decenas de miles de persoas manifestáronse hoxe en Compostela en contra da política lingüística da Xunta, en especial para que retire o borrador de decreto do plurilingüismo, que regulará o uso do galego no ensino non obrigatorio. A marcha foi secundada por máis de cincocentas asociacións culturais, políticas, sociais e sindicais e contou coa asistencia dunhas cen mil persoas, segundo os organizadores. Durante máis de dúas horas os miles de manifestantes percorreron as rúas da capital galega ata chegar á praza do Obradoiro, que encheron por completo.




Berros e pancartas de "En Galicia en galego", "Decretazo Nunca Máis" e "Polo dereito a vivir en galego" retumbaron nas rúas do casco histórico, onde moitos peregrinos e turistas asistían atónitos ó desfile. Para explicarllo, unha vez na praza do Obradoiro, o actor Carlos Blanco e a tamén actriz Isabel Risco dixeron en castelán, inglés, francés e italiano que os manifestantes eran galegos que defendían o dereito a expresarse no seu idioma. "Un idioma universal, legal e brillante", segundo indicou Blanco.