27/5/09

Científicos galegos no exterior fan público un manifesto en defensa da lingua


Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN.
Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.
En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.
O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.
No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,
Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.

19/5/09

LETRAS GALEGAS 2009. A PONTENOVA

Nesta presentación podedes ver en imaxes como transcurriu a xornada do venres, día 15 de maio, na Casa de Cultura.

17/5/09

FALAR GALEGO É DOADO...SÓ HAI QUE INTENTALO

UN DOS MOITOS LEMAS EMPREGADOS EN PROL DA NORMALIZACIÓN DO GALEGO

16/5/09

17 DE MAIO 2009

Data que non necesitaría ser lembrada. As LETRAS GALEGAS non merecen un día de recordatorio. Falar, ler e escribir en galego debería ser algo normal como xantar, respirar, ou camiñar. Cando non haxa necesidade de ter un día especial...Esa será realmente a celebración das LETRAS GALEGAS.


A anterior presentación e a seguinte foron elaboradas por alumnos e alumnas de 4º de ESO e posteriormente visionadas polos restantes alumnos e alumnas do Centro.

14/5/09

Recrean en Vigo o despacho de Ramón Piñeiro

Numerosos intelectuais antifranquistas compartiron diálogo co pensador de Láncara na mesa-padiola que desde hoxe se pode visitar na Casa da Cultura. Efe. 14/5/2009

A Fundación Penzol recreou o despacho de Ramón Piñeiro do seu domicilio da rúa Xelmirez de Santiago, coa súa soada mesa-padiola, que permanecerá instalada na Casa da Cultura, sede da institución en Vigo.

O coordinador desta iniciativa, Henrique Monteagudo, declarou a Efe que se trata de «unha homenaxe á persoa de Piñeiro, porque o seu traballo foi de ti a ti, moi persoal», en alusión aos numerosos intelectuais antifranquistas que pasaron por este despacho e compartiron diálogo e inquietudes co pensador de Láncara ao redor da mesa-padiola.

A recreación está composta polo mobiliario auténtico do despacho, que «estaba en moi bo estado de conservación, ata nos detalles ornamentais», debido á meticulosa custodia da familia do escritor ao que este ano se dedica o Día dás Letras Galegas.

Monteagudo destacou que «durante o franquismo, a transmisión da cultura galega tiña que facerse na clandestinidade, non se podía facer publicamente» e, «neste despacho, Piñeiro exerceu un traballo fundamental na transmisión da cultura de Galicia antes da Guerra».
«A nómina case completa da intelectualidade galeguista da segunda metade do século vinte reuniuse aquí, ao redor desta mesa padiola mítica», recordou Monteagudo.

O responsable da iniciativa destacou a colaboración da Concellaría de Cultura de Vigo e a anterior Consellería de Cultura da Xunta de Galicia na recuperación do espazo onde Piñeiro traballou «de forma incansable en favor da lingua galega e a recuperación da identidade cultural e política de Galicia», segundo a Fundación.

10/5/09

TEXTOS MUSICADOS DE RAMÓN PIÑEIRO

Eloi Caldeiro compuxo un álbum inspirado na obra do protagonista ,de Ramón Piñeiro López, e rodou un documental
«Cando comezaba a deseñar esta nova entrega sabía que a música para incluír no cedé suporía un reto. A ausencia de textos poéticos para musicar na obra de Piñeiro determinaba que me enfrontase cun problema que ata ou de agora nunca tivera, pero tampouco quería que todos os temas fosen instrumentais, polo que resolvín traballar con algúns textos do autor de Láncara sen utilizalos con liñas melódicas, senón de maneira recitada xunto con temas instrumentais», explica Caldeiro sobre a elaboración dunha obra audiovisual que acaba de editar baixo ou título da Terra e a saudade .
No documental rodado por Caldeiro aparece unha longa lista de amigos, familiares e intelectuais que falan da vida e a obra de Piñeiro. Así, mentres se contemplan imaxes de diferentes momentos da existencia do escritor de Láncara, aparecen persoeiros como Fernández del Riego, Franco Grande, Ramón Villares, Xosé Luís Barreiro Rivas ou Ánxela López, sobriña de Piñeiro. Entre todos debuxan unha personalidade que marcou a historia de Galicia.
Esta información apareceu na Voz de Galicia (10-05-2009)

A Asociación de Escritores en Lingua Galega entregou os premios aos mellores de 2008

OS MELLORES DE 2008
( Información de VIEIROS, 10-05-2009)
A AELG entregou os seus premios anuais na Cea das Letras
Galardoados Miguel Anxo Murado, Xabier Docampo, Xulio Valcárcel, Inma López Silva, Gonzalo Navaza, Teresa Moure, Ana Romaní, Marcos Valcárcel, Elena Poliatowska e o Liceo de Ourense.

Os premiados e premiadas
A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou este sábado a Cea das Letras, un dos actos máis importantes da organización, na que deu a coñecer e entregou os premios ás mellores obras publicadas no ano 2008.Da suma de votos emitidos nunha primeira quenda polas persoas asociadas á AELG, coa participación de Gálix para escoller a mellor obra de literatura infantil e xuvenil e do Colexio de Xornalistas para o de mellor traxectoria xornalística, elaborouse unha listaxe de obras finalistas, sobre a que se elixiron as seguintes gañadoras:

Ensaio: Miguel Anxo Murado, pola súa obra Fin de século en Palestina (Galaxia)
Literatura Infantil e Xuvenil: Xavier P. DoCampo, pola súa obra O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais de Galicia)
Poesía: Xulio L. Valcárcel, pola súa obra A melancolía dos corpos (Ediciones de la Sociedad de Cultura Valle-Inclán)
Narrativa: Inma López Silva, pola súa obra Memoria de cidades sen luz (Galaxia)
Tradución: Gonzalo Navaza, pola tradución da obra As flores do mal, de Charles Baudelaire (Galaxia)
Teatro: Teresa Moure, pola súa obra Unha primavera para Aldara (Deputación Provincial de A Coruña)
Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní
Blog Literario: Marcos Valcárcel, polo seu blog As uvas na solaina
Institucións: Sección de Literatura do Liceo de Ourense
Escritora Galega Universal: Elena Poniatowska

3/5/09

NUNCA XOGUES COA TÚA SORTE

Este conto foi escrito por Laura Gavín

"Era o día de defuntos do ano pasado, cando lle fun levar unhas flores a meu avó ó cemiterio.

Cheguei con toda a normalidade ao cemiterio, pero pareceume raro, para ser o día de defuntos,non ver ningún coche por alí fóra. Pero entrei, con medo, pero entrei. Pensei que de estado dentro non habería medo ningún.

Diante das sepulturas da miña familia había moitos ordenadores e aparellos polo estilo, pero coma na da miña familia había diante de moitas máis. O primeiro que se me ocorreu foi ir buscar ao dono de todo iso, pois supuxen que estaría por alí.Así foi que o atopei, e díxenlle:

- Bos días!. Mire. e que vin poñerlle unhas flores ao meu avó e atopei diante da súa sepultura uns ordenadores, poderíame dicir para que son?.

- Bos días!- díxome mentres facía un sinal para que o seguira ata diante dunha sepultura- Estes son sensores de calor; pulsando aquí- dixo sinalando un botón vermello- diranos se alguén, dende esta sepultura lle emite algún tipo de calor, é dicir, se hai algún tipo de espírito neste cemiterio.

El foi correndo por unha cámara , mentres eu o agardaba alí pasmada, xa que eu pensaba que todo aquilo era un xogo de rapaces, non podía crer o que ía comezar a pensar dese día...

Comezou a gravar e a continuación pulsou o botón vermello e a agulla do sensor comezou a moverse cara o lado vermello...Eu xa sospeitaba que non era moi bo sinal pero,por si acaso, pregunteille se iso era un bo sinal pero el xa me respondeu que non coa cabeza, pero ocorréuseme unha cousa...

- Por favor !- supliqueille- podemos facer isto mesmo diante da tumba do avó?-
- Por suposto-

Os dous dispuxémonos para ir á tumba de meu avó, pero cando chegamos alí, tódolos aparatos estaban desconectados, e outro rapaz e máis eu puidemos ver como se nos apareceu un home que nin e u nin el coñecíamos, pero o peor é o que nos dixo:

- Deixade en paz aos mortos e aos seus espíritos. A vós tampouco vos vai gustar que uns descoñecidos nos veñan a molestar.

Non se me borran as súas palabras da mente. E en canto a min non volvín entrar no cemiterio dende aquel día, pero confío en que este ano poida ir.

Que era o que emitía calor? Por que falaba aquel defunto?. "


O SOUTO DAS ÁNIMAS

Este conto foi escrito por Román Señor.
"Xoán e Antón eran dous veciños dun pobo da Terra Chá que, unha noite de outono, foron a Vilalba ás mozas. Os dous eran madeireiros e coñecían moi ben os atallos e camiños da zona. Ao volver quixeron tomar o camiño do Souto...Había menos distancia.

Nada máis penetrar na fraga a Xoán pareceulle oír un ruído, como o dunha árbore cando cae.

- Antón, ti oíches iso?
- Eu non escoitei nada- lle dixo con toda normalidade- non te pasarías algo coa bebida?.

Xoán quedou pensativo e cavilou que ao mellor se pasara co viño. Pero entón viu un cadaleito, pero era transportado polo camiño antigo ata o cemiterio. Levábao un carro e era seguido por unha morea de xente con velas na man. “Un enterro”,pensou. Pero eran as tres da mañá.

Cando lle contou o sucedido a Antón, este díxolle que non fixera caso que el non vira nada...Ademais houbo ser cousa da bebida!

Fora ou non a bebida, á mañá seguinte, Xoán, que estaba tronzando madeira, caeulle unha árbore enriba.

Dende aquela din que aquel que ve o seu enterro en vida está máis cerca do ceo que do chan."