4/7/09

A UNIVERSIDADE E O GALEGO

AS TRES UNIVERSIDADES ÚNENSE PARA FOMENTAR O USO DO GALEGO NO ENSINO. 04/07/2009 , Xornal.com

Na primeira reunión deste novo órgano pulouse por promover os procesos de normalización lingüística no ensino superior.


As tres universidades galegas enviaron onte un comunicado no que informaban da constitución dunha Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística “que nace co compromiso do fomento do uso da lingua galega no espazo de educación superior”.

A creación desta comisión coincide nun momento no que parte da sociedade galega comeza a mobilizarse contra as políticas que pretende levar a cabo a Xunta de Galicia con respecto ao uso do galego no ensino. Fontes das universidades aseguran que a iniciativa xorde neste momento, aínda que non motivada especialmente polas directrices que está a implantar a Conselleria de Educación. Non obstante, a intención desta comisión interuniversitaria é “rendibilizar recursos e homoxeneizar a planificación normalizadora neste ámbito”.

A comisión estará constituida polos tres reitores das univerdidades galegas, quenes ostentarán a presidencia de forma rotatoria por períodos dun ano. Actualmente, o reitor coruñés, José María Barja, é quen ostenta este cargo.

Na primeira reunión deste novo órgano, que tivo lugar en días pasados, acordouse realizar unha serie de propostas para “desenvolver normativas que fomenten o uso do galego na docencia, fundamentalmente nos primeiros anos dos novos graos”. Igualmente, acordouse “deseñar unha campaña común sobre os dereitos lingüísticos na comunidade universitaria e dar os pasos precisos para presentar de maneira unitaria os recursos lingüísticos existentes e para pór ao servizo de todo o sistema universitario galego as ferramentas producidas en cada unha das universidades.

Segundo informan desde a universidade da Coruña, entre outros asuntos abordados na primeira xuntanza deste órgano, os reitores e membros da comisión mostraron a súa preocupación “polo recorte previsto do orzamento para actividades de normalización” e acordou dirixirse á Secretaría Xeral de Política Lingüística, dirixida por Anxo Lorenzo, para facerlle chegar unha serie de iniciativas “entre as que se atopa a de continuar e ampliar a oferta de manuais e de material docente para o ensino universitario”.

Nesa liña de garantir que o profesorado goce de material docente en galego, a comisión decidiu dirixirse á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

2/7/09

PuntoGal...Xa vai sendo hora


O goberno da Xunta compromete todo o seu apoio para crear un dominio específico na rede sobre contidos galegos
Así llo transmitiron hoxe os secretarios xerais de Política Lingüística e mais de Modernización e Innovación Tecnolóxica a representantes da asociación PuntoGal
Está previsto que a aprobación definitiva do .gal se produza na primeira metade do próximo ano
Santiago, 2 de xullo de 2009 .- A Xunta de Galicia comprometeu todo o seu apoio coa iniciativa da asociación Puntogal, que procura a construción dun espazo específico en internet para a lingua e cultura galegas, o dominio .gal. Así llo transmitiron hoxe a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica de Presidencia, Mar Pereira, e o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación, Anxo Lorenzo, aos representantes de Puntogal.
Durante a reunión, o presidente da asociación, Manuel González, o vicepresidente, Camilo Regueiro, e o secretario, Darío Janeiro, informaron os secretarios das xestións que se levaron a cabo para conseguir pór en marcha na rede este dominio. Así mesmo, desde a asociación PuntoGal confirmaron que a aprobación definitiva do dominio está prevista para o primeiro semestre do vindeiro ano. Numerosos apoiosA asociación PuntoGal foi constituída en 2006 por varias entidades promotoras, entre elas a Real Academia Galega, para conseguir crear un espazo específico en internet baixo o cal poder agrupar todas as webs con contidos en galego, ou noutras linguas que, dalgún xeito, teñan relación coa cultura e a sociedade galegas.
Entre os numerosos apoios de persoas e institucións cos que conta esta iniciativa atópanse asociacións e colexios profesionais, asociacións culturais e xuvenís, medios de comunicación e empresas de diversa actividade, entre outros.