17/5/14

MINI E MERO TOCAN PENÉLOPE

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2014

A Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Gaegas deste ano ao poeta de Guitirz Xosé María Díaz Castro (1914-1990), autor de NIMBOS (1961) considerada un dos cumes da poesía galega moderna e que consagraría ao seu autor no contexto da literatura galega de postguerra. Este poemario contén  "Penélope", poema amplamente celebrado pola súa beleza e a fonda reflexión sobre Galicia.






     Penélope. X. M. DÍAZ CASTRO

  Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961.


7/5/14

NON SON FADA NIN PRINCESA


Aquí vos deixamos un video da actuación de SÉS  no concerto que ofreceu na Casa da Cultura para o IES Enrique Muruais.

SÉS... PURA RAZA

Co aforo practicamente completo formado polo alumnado do noso centro e o que veu do IES Illa de Sarón de Xove, profesorado dos dous centros de ensino,  mais outra xente que se achegou a vela, ás 16 horas daba comezo o concerto de SÉS na Casa da Cultura da Pontenova. Impresionante o directo desta muller que acompañada do seu guitarrista Tito Calviño, fixo un repaso da súa discografía con temas como Milonga de aquí, Rebelarse a conciencia, Canto aquí, canto na Habana do seu último traballo Co xenio destrozado e outros temas do seu primeiro disco Admirando a condición como De catro a catro, Tola atrás de ti ou Non son fada entre outros.  Ao primeiro expectación dun público, sobre todo o noso, que agardaba ver quen era a cantautora, pero que co paso do tempo durante máis dunha hora que durou o concerto, conectaba con ela animando o resto do tempo. Tamén compartiu connosco uns versos e quixo que a acompañáramos nunha das súas cancións. 
Ao remate da súa actuación, houbo unha sesión de fotos para os que quixeron plasmar eses momentos e unha pequena entrevista que o alumnado de Xove lle quixo facer. Foi unha tarde que de seguro que non esqueceremos.
Deixamos unhas fotos para que as vexades, pero aínda subiremos algún vídeo.






5/5/14

MARTES 6 XORNADA DE INTERCAMBIO IES ENRIQUE MURUAIS - IES ILLA DE SARÓN



PROGRAMA



*      10:20  Chegada do alumnado do IES Illa de Sarón.

*      10:20 -10:50 Recepción e presentación do noso centro e contorna na aula de audiovisuais.


*      11:00 -13:30  Chegada aos Fornos. Recepción pola Concelleira de Turismo. Explicación sobre a orixe da vila e dos Fornos. Roteiro pola vía verde do antigo ferrocarril mineiro.

*      13:30 – 14:30  Xantar campestre na área recreativa de Saldoira.


*      14:30 – 15:30  Volta camiñando á Pontenova.

*      15:30 – 15:45  Chegada á Casa da Cultura e entrada.


*      16:10 – 17:30  Concerto de Sés.


*      17:30 – 17:50  Volta ao instituto e despedida.

2/5/14

CONCERTO DE SÉS NO IES ENRIQUE MURUAIS

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o EDL do IES Enrique Muruais  vén de organizar un concerto, xunto coa Biblioteca, da cantautora galega SÉS. Será o día 6 de maio na Casa da Cultura ás 16 horas. Como ese é o día no que alumnado e profesorado do club de lectura do IES Illa de Sarón de Xove nos visita tamén a nós, van ter a oportunidade de vela e escoitala en directo. Agardamos que vos guste o concerto e, por suposto, que animedes moito!!!