28/5/22

ELISA E MARCELA NO INSTITUTO

 Onte venres 27 de maio, tivemos unha visita moi especial. Dentro da programación do EDLG estaba prevista a actuación do grupo de teatro A Panadaría coa súa obra Elisa e Marcela. É esta a historia de dúas mulleres que primeiro son amigas e logo esa amizade dá paso a unha relación amorosa que vivirán ás agachadas aló polo final do século XIX.

Foi na Casa da Cultura ás 12:30. Só cunha tea no escenario montada entre dous mastros. Todo o demais sobra porque a intelixencia póñena elas, Areta, Noelia e Ailén. Todo se move ao redor da súa creatividade, do inxenio e da arte coa que transforman o teatro e as súas historias. Rotundo éxito que arrancou os aplausos tanto do alumnado como da xente adulta que asistiu á función.




23/5/22

As Letras Galegas no IES Enrique Muruais

Celebramos as nosas Letras adicadas este ano ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán para dar a coñecer a figura deste autor. Para iso, o EDLG e o departamento de Galego propuxeron diversas actividades para o alumnado da ESO e de 1º BAC. O título da exposición leva por nome De Rosalía a Florencio e inclúe actividades plásticas e de poesía realizadas dende o mes de febreiro ata o de maio polos departamentos de Bioloxía, E. Plástica e Visual, ademais do departamento de L. Galega. A biblioteca do centro tamén colaborou co EDLG na exposición da obra de Florencio Delgado, así como no recitado de poemas do autor que se levou a cabo co alumnado do centro. 


18/5/22

VIDEOCOTIÁN Nuria 1º BAC O son do ar Luar na Lubre




Co fermoso tema O son do ar do grupo de música folk Luar na Lubre, a alumna de 1º BAC, Nuria López Torviso preséntanos o seu videocotián deste mes de maio. Moitas grazas, Nuria pola túa colaboración





ADEUS A DOMINGO VILLAR

 

Na Semana das Letras Galegas temos unha mala nova que dar, o  súbito pasamento de Domingo Villar, o escritor máis representativo da novela negra galega.  Domingo Villar foi creador da figura do inspector Leo Caldas na súa  triloxía Ollos de auga, A praia dos afogados  e O último barco. Sempre nos quedará o seu legado.




VIDEOCOTIÁN Marcos 3º ESO Cantiga de amigo Fuxan os Ventos

 Nesta ocasión, Marcos de 3º ESO quixo facernos chegar para o VIDEOCOTIÁN un coñecidísimo tema, e non por iso menos bonito, unha cantiga de amigo do grupo de folk Fuxan os Ventos. Bonitas imaxes, Marcos, as que presentas neste vídeo. Grazas por colaborares nesta actividade!! Anímaste ao seguinte??



17/5/22

17 DE MAIO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

  

         E sobre todo, non esquezades que cómpre sementala todo o ano!!               

                                               O esquecernos o galego

                                               para falar en castrapo,

                                               é coma o choio da toupa

                                               que os ollos deu por un rabo.

                                                        (O soño do guieiro, 1986)



Día das Letras Galegas 2022. Florencio Delgado Gurriarán



16/5/22

VIDEOCOTIÁN Álvaro 3º ESO. Moreniña. Quempallou



O tema Moreniña  do desaparecido  grupo folk Quempallou sérvenos de fondo para musicalizar o vídeo que nesta ocasión nos envía Álvaro de 3º ESO. Ánimo, Álvaro, queda só xuño e agardamos un novo traballo teu para rematar este curso.

Moitas grazas polos teus aportes!



 

4/5/22

VIDEOCOTIÁN Álvaro 3º ESO. Se chove. Treixadura

 Subimos a última aportación videomusical de Álvaro de 3º ESO dentro da actividade anual VIDEOCOTIÁN. Nesta ocasión, envíanos o tema  Se chove do grupo de música tradicional Treixadura. Un vídeo que invita á paz e á harmonía cun fondo paisaxístico espectacular.

Moitas grazas, Álvaro polo teu novo traballo!! Seguimos gozando con todo o que nos mandas.