22/12/21

NADAL NO INSTI

 Metid@s nestas datas de Nadal, o EDLG do centro, tomou parte de diversas actividades como foron a decoración do centro, en colaboración coa profesora de EPV e o seu alumnado do departamento dos cursos 1º e 3º da ESO. Tamén coa biblioteca, participando na preparación e entrega das mochilas viaxeiras para 1º da ESO, así como na elaboración dunha árbore de Nadal confeccionada a partir de tarxetas de cores onde todo o alumnado da ESO e BAC daban a benvida ao novo ano ou ben despedían este que vai rematar.

Asemade, como cada ano, o EDLG convocou o concurso de postais de Nadal. Resultaron premiadas as postais seguintes:

3º PREMIO para a postal de Paulo Ramallal de 2º ESO

2º PREMIO para a postal de Julia Armada de 2º ESO

1º PREMIO para a postal de Paula Comendeiro de 1º BAC

Parabéns!!!

A postal merecedora do 1º premio foi dixitalizada polo alumnado de TICS de 2º BAC pertencente ao departamento de Tecnoloxía, coa axuda da súa profesora para felicitar estas festas. Resultou elixida a da alumna Ainara Acebrás. Tod@s @s premiados, recibiron un agasallo por parte do EDLG.

Aquí vos deixamos unhas fotos de todo o que fixemos no centro estes días antes de irnos de vacacións. Dende o EDLG queremos agradecer a participación de todo o alumnado nas actividades propostas, así como ao profesorado implicado e desexarvos unhas felices festas de Nadal e un 2022 con moitos azos para seguir participando tan activamente.  








12/12/21

CHEIRA A NADAL

 

Cheira , a ilusión, maxia,  diversión e como non… a vacacións! No noso centro xa se respira un aire  de Nadal dende fai uns días por todas partes. O alumnado de EPV coa súa profesora están preparando a decoración; tamén o departamento de Relixión está confeccionando un Belén.






3/12/21

A CIENCIA TAMÉN FALA GALEGO

O noso alumnado maioritariamente é galego, fala galego e comunícase en galego…nas artes literarias, nas plásticas e tamén nas ciencias. Con motivo da celebración do Mes da Ciencia en Galego,deixámosvos unhas mostras do que fixeron os departamentos de Física-Química e Bioloxía-Xeoloxía co alumnado. O departamento de Física e Química propúxolles ao alumnado de 3º ESO facer unha lámpada de lava e realizaron diversas mesturas con auga e aceite para o estudo das disolucións, mentres que en 4º ESO practicaron o Principio de Arquímedes.
O departamento de Bioloxía e Xeoloxía tamén realizou as súas prácticas co alumnado de Bacharelato.

29/11/21

Concurso de Postais do Nadal

O EDLG do noso centro, convoca como cada ano o tradicional Concurso de Postais polo Nadal.Animádevos a participar porque os gañadores as tres mellores postais, levarán premios en material escolar!! Tedes de prazo para a entrega até o día 10 de decembro. Ah...e non esquezades que o VENRES 17 entregaremos os premios do concurso de cabazas e tamén o de postais.

26/11/21

25 N NO IES ENRIQUE MURUAIS

Este 25N no centro levouse a cabo unha serie de actividades para visibilizar o apoio ás vítimas da violencia de xénero.Ademais de cartaces nas portas e nas paredes realizados polo alumnado, tamén se leu un manifesto feminista rexeitando a violencia contra as mulleres e nun acto simbólico ao redor de 37 cadeiras baleiras que representan as 37 mulleres asasinadas polo machismo no que vai de ano, tamén se gardou un minuto de silencio.

17/11/21

PASAMENTO DE DARÍO XOHAN CABANA

Faleceu o grande escritor lugués Darío Xohan Cabana.Déixanos o seu inmenso traballo literario e o seu compromiso coa cultura. Que a terra lle sexa leve.

14/11/21

VIDEOCOTIÁN

VIDECOTIÁN é unha iniciativa do EDLG para dar a coñecer e espallar a música galega de todos os tempos. Anímaste a participar? Colle o móbil e comeza a gravar!! Unha ocasión calquera, grava un momento do día, unha paisaxe ou obxecto que che chame a atención e envíanos ao EDLG un vídeo teu cun fondo musical en galego, pop,rock, rap, músical tradicional… Podes consultar as bases no taboleiro da túa clase.

                                       Que soe a música!!!



8/11/21

PREMIOS DO CONCURSO DE CABAZAS 2021




Os premios entregaranse o venres 17 de decembro durante o recreo no andar da entrada.

Moitas grazas a todo o alumnado participante!!! Parabéns ás gañadoras



Autora: Inés González 2º ESO

Autora: Helena Fiallega 2º ESO

Autora: Alejandra Rois 1º ESO

 

2/11/21

NOVEMBRO COMEZA CO SAMAÍN

 

Recibimos o mes de novembro coa celebración do Samaín, que no noso centro se fixo na semana do 25 ao 29 de outubro . O venres 29, alumnado e profesorado do centro viñeron ao instituto disfrazados.

Houbo exposición e concurso de cabazas e tamén no andar da entrada, durante os recreos, puideron visualizar vídeos e escoitar música sobre esta efeméride.

Xa nas aulas, o alumnado elaborou  noxentas receitas de cociña e tamén en 2º ESO fixeron un traballo de investigación sobre a mitoloxía tradicional relativa a esta conmemoración.

Deixamos unhas fotos de mostra. 

   

                                



14/10/21

GIANNI RODARI DA MAN DE XELA ARIAS E CHARO PITA

 A narradora oral Charo Pita, pon voz aos contos de Gianni Rodari, preservando a tradución orixinal de Xela e Valentín Arias.

Preme AQUÍ





8/10/21

O EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA 2021-2022

 Esa andaina da que vos falabamos dá comezo neste 2021-2022 con novos/as membros. O equipo está configurado polas seguintes persoas:


       Profesorado

  • Carmen Cabodevila Veiga (Departamento de Ciencias Naturais)
  • Cristina Díaz Varela (Departamento de Lingua Galega)
  • Teresa García Crecente (Departamento de Orientación)
  • Ana María Loriente Acebedo (Departamento de Educación Plástica e Visual)
  • Amina Martínez Quintana (Departamento de Orientación)
  • Paula Riguera Freijo (Departamento de Tecnoloxía)
  • Ángeles Rodríguez Llamazares ( Departamento de Galego e coordinadora EDLG)              

        Alumnado

  • Iker Lorigados Cruña (1º ESO)
  • Marcos Acebo Linares (2º ESO)
  • Rubén Rodríguez Rey (3º ESO)
  • Brais Moirón Rubio (4º ESO)
  • Paula Comendeiro Sertaje (1º BAC)
  • Juan Díaz Alonso (2º BAC)
    
        Representante da Administración e Servizos
  • José Vega Chao (Conserxe)      

       

MIL PRIMAVERAS MÁIS

 

Estamos de volta e seguimos de  andaina, co novo equipo deste ano académico, explorando novos camiños, con moitos azos porque queremos e desexamos que a nosa lingua e a nosa fala, parafraseando a Cunqueiro, dure mil primaveiras máis.

Pois iso, a modo de benvida, lembramos para todas/os   parte do discurso que deu o autor mindoniense en Vigo aló polo ano 1980 nunha homenaxe que lle deron.

 

Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

 

18/5/21

LETRAS GALEGAS 2021: XELA ARIAS

 

O departamento de Lingua Galega xunto co EDLG celebrou as Letras Galegas en homenaxe a Xela Arias con diversas actividades que levaron a cabo co alumnado da ESO e de BAC.

En 1º e 2º ESO participaron na pescuda e selección de información sobre a vida e obra da escritora luguesa que naceu en Sarria en 1962 e morreu en Vigo á idade de 41 anos. Ademais, realizaron actividades variadas (pasapalabras e pasatempos) que axudaron ao afianzamento sobre o coñecemento da figura de Xela Arias. Tamén realizaron a nivel plástico portadas das súas obras e dalgunhas das súas traducións.

 Por outra banda, crearon nubes de palabras con versos da poeta. Todo este material, quedou exposto no andar da entrada do centro.

En 3º e 4º da ESO levaron a cabo actividades de escape room para coñecer e indagar sobre a biografía e obra da homenaxeada. Elaboraron pasatempos (crucigramas, sopas de letras, sopas de números e xerogríficos) sobre datos da vida e obra de Xela.

O alumnado de 4º traballou a linguaxe publicitaria para promocionar a figura de Xela Arias.

En 1º BAC o alumnado investigou sobre a figura da escritora na aula de informática, a través dunha web quest que serviu como guión para seguir, por parellas, cun concurso en kahoot baseado nas preguntas da web quest. 

Do mesmo xeito, por parellas, escolleron un poema de Xela Arias que recitaron e lle deron a súa interpretación, xustificando a súa escolla.

 

Ademais durante toda a semana de celebración das Letras Galegas se estivo proxectando durante os recreos o documental XELA ARIAS. A PALABRA ESGAZADA  xunto coa música de Germán Son,  Clara Pino e Pablo Vidal ou A Banda da Loba.


1º, 2º ESO

 3º, 4º ESO

1º BAC

1º ESO