28/2/14

PRESENTACIÓN DO LIBRO O AGASALLO DE ANYA

O mércores pasado asistimos á presentación do libro O agasallo de Anya na libraría Biblos de Lugo ás 20:00 h . Da Pontenova fomos uns cantos compañeir@s , excompañeir@s e amizades de Sabela para acompañala neste día. Hai que dicir que a Biblos quedeu pequena para acubillar a tanta xente como alí se achegou : antigo alumnado, amig@s,  profesorado doutros centros e moita, moita outra xente.
Despois da presentación do acto, por parte de Francisco Castro, tomou a palabra Sabela que, con certa dose de humor, nos foi contando como xurdiu a idea de escribir este seu primeiro libro. Despois diso, pacientemente, foi asinando a cada persoa o seu exemplar. Foi un acto moi bonito e moi entrañable co que todo o mundo gozou un montón. Noraboa, Sabela... estiveches estupenda coma sempre!!
Aquí vos deixamos unhas fotos dese acto.


27/2/14

ÚLTIMA MENSAXE DO MECO

Para mañá venres e para pechar este Entroido 2014 no noso centro, o MECO pide que se veña co disfrace enteiro.
Lembrar tamén que mañá a partires do recreo temos o festival de comparsas, pero antes xa na planta da entrada imos expoñer e degustar os postres e lambetadas que traeredes feitos da casa. Xa logo un xurado elexirá os mellores.

Despois do concurso de comparsas e para rematar o festival, haberá tamén un concurso de  karaoke con tod@s os/as que vos apuntastes.
As comparsas que actúan serán as seguintes:


  1º ESO - "Unha clase moi tola"
  2º  ESO - " A misa"
  3º ESO - "Café Bar Manolo"
  3º - 4º ESO - "Sóache a túa cara?"

O xurado estará composto por:

   Conchi (profesora de Matemáticas), Loli (profesora de Matemáticas), Patricia (profesora de Francés), Goretti (profesora de Historia) e Carme Peón (profesora de Galego e coordinadora do EDL).

BO ENTROIDO !!!!


26/2/14

DÍA DE SABELA

Hoxe é o DÍA !! Así con maiúsculas, porque hoxe Sabela Núñez Singala, a nosa Sabela do IES, a profe de Matemáticas, vai facer a presentación do seu primeiro libro " O agasallo de Anya" que é unha fermosísima novela infantil sobre un proxecto de axuda mutua que comezou a xestarse aló polo ano 2011, como ela ben di no seu blog Mochilinhas de cores, e que rematou con esta marabilla de agasallo. Será ás 20:00 h na Libraría Biblos de Lugo e canda ela tamén intervirá o escritor e editor Francisco Castro. Dende o EDL do IES Enrique Muruais, queremos parabenizar a Sabela e animala a que continúe engaiolándonos con esas historias que tan ben sabe contar, porque xa nos constaba que de números sabe moito, pero para nós, esta, foi unha sorpresa moi agradábel. Claro, que cando as cousas saen do corazón é todo moito máis doado... moitas grazas, Sabela, porque sabemos que non só che gusta e se che  dá ben contar historias, senón que ao tempo, reflictes o valor da solidariedade que tanto se necesita hoxe en día. Grazas a ti e á túa familia tamén porque xuntos nos amosastes que se pode viaxar, pasalo ben e axudar a construír un mundo máis bonito tendo en conta aos máis desfavorecid@s.
 Para quen aínda non o saiba, o argumento da obra é o seguinte: Xiana é unha nena galega de dez anos que ten un blog no que conta as súas experiencias persoais. Anya é unha pequena ucraína da mesma idade que escribe un diario. As dúas dan conta da súa realidade cotiá mes a mes, ao longo dun ano, un período no que as súas vidas se entrecruzan.

En días vindeiros, contarémosvos máis cousas... estade atent@s!!


NOVA ORDE DO MECO

Para mañá xoves, o MECO antóllaselle que ao erguermos pola mañá  da cama, non saquemos o pixama e veñamos con el ao insti.




O MECO MANDA...

Para mañá mércores día 26






#EUROSALÍA

Alumnado e profesoras do IES na celebración do Día de Rosalía





24/2/14

PERO ONDE VAI O MECO???

Esta era a pregunta que hoxe luns nos faciamos tod@s ao chegar ao insti ,porque nos atopamos coa sorpresa de que o noso MECO desaparecera sen deixar rastro. Despois de dar voltas polos recunchos do centro, Carmen, a conserxe, descubriuno nun dos baños da entrada... foi a primeira broma do Entroido que a  alguén se lle ocorreu. Non soubemos quen foi, pero sospeitamos que algo tivo que ver un exame que se fixo o venres pola tarde no instituto.... hehe.... pobriño WERTZAS!! tivo que pasar a fin de semana pechado no baño.

Xa de paso, aquí se vos deixa a orde de mañá martes que debemos cumprir.


Roi Casal - Ninfa das frescas augas

Todas con Rosalía [segunda parte]

A HOMENAXE DO CARRABOUXO NO DÍA DE ROSALÍA


DÍA DE ROSALÍA

Hoxe día 24 de febreiro celebramos no IES Enrique Muruais o Día de Rosalía. Organizado pola Fundación Rosalía de Castro que promoveu pola internet a acción #eurosalía que consistía en facer unha autofoto ("selfie" como che chaman agora), o noso alumnado e profesorado, tamén fixo as súas fotos. Xa se vos irán poñendo noutro momento esas fotos aquí no blog.



23/2/14

SER LINGUA NON É FÁCIL

Entre os días 10 e 21 de febreiro, na entrada do IES Enrique Muruais puidose observar unha exposición en cuxos paneis explicativos se informaba da situación das distintas linguas minorizadas en territorios europeos. Basicamente, recóllense as linguas e territorios cos que están en contacto as Escolas de Idiomas.
Os paneis informativos expoñían o proceso sufrido ao longo da historia, que levou a algunhas linguas a converterse en oficiais dos seus respectivos países-estados e como outras están aínda loitando polos seus dereitos.
Esta exposición foi elaborada pola Escola Oficial de Idiomas de Ourense no ano 2008



21/2/14

REVISTA OLLOS DE AULA

En outubro do 2012 nacía  Ollos de aula, a revista do CGENDL para as familias do alumnado. Déixasevos aquí un enlace da súa web para que, aquelas nais e pais que así o desexedes, poidades darlle unha ollada tanto ao último número de febreiro coma ao sumario enteiro dende que saiu editada por primeira vez.


http://www.coordinadoraendl.org/limiar.php?pax=ollosdeaula%2Follosdeaula.html

O MECO E AS SÚAS ORDES

Xa temos o MECO do noso Entroido e esta vez tocoulle representar a  un personaxe moi moi coñecido,controvertido, pero nada popular entre o estudantado... non fai falla que se vos diga quen pode ser que ben o coñecemos tod@s, asi que que se prepare, que o imos poñer a traballar toda a semana que queda... vai facer algo que se lle dá moi ben, que é dar ordes. Aí vos queda... nesta ocasión facédelle caso e atent@s ao que vos pide porque o próximo luns debedes aparecer co que vos di.


DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA

Hoxe 21 de febreiro é o Día Internacional da Lingua Materna. Parabéns a tod@s @s galegofalantes!!!


   http://youtu.be/8oUL3s2UG-A

ENTROIDO 2014

VENRES DE ENTROIDO NO IES ENRIQUE MURUAIS

O día 28 de febreiro celebramos o Entroido no noso centro, asi que, idevos preparando para pasalo ben!!
Haberá concursos de comparsas dos diferentes cursos, concursos de karaoke e como non! ... non podía
faltar tamén o concurso de larpeiradas que o alumnado preparará nas súas casas e traerá ao centro. Iremos informándovos estes días de como vai a cousa... estade atent@s!!



Cartaz feito por Bonia Campos de 3º ESO

19/2/14

DOCUMENTAL SOBRE DÍAZ CASTRO

 Podedes consultar este enlace onde se pode ver o traballo que o alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, elaborou co gallo da homenaxe que este ano se lle fará ao escritor como figura central das Letras Galegas.              http://about.me/documentaldiazcastro

CEN ANOS DO NACEMENTO DO POETA DÍAZ CASTRO

                                                  XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO



O día 19 de febreiro cúmprense cen anos do nacemento do poeta Díaz Castro, figura homenaxeada este ano polas Letras Galegas. Para máis información, podedes ver este enlace:


     http://ouvirmos.com/web/2014/02/100-anos-de-diaz-castro/

10/2/14

CONCURSO DE AMOR "E SE LLO DIS EN GALEGO?"

Estamos no mes de febreiro, no mes do amor e queremos animarvos a que deixedes a vosa mensaxe agarimosa. Unha frase, un poema, onde expresedes todo o que sentides. As bases para este concurso están nos taboleiros de cada clase. Cando a teñades enviádea ao seguinte enderezo de correo electrónico que se vos indica máis abaixo e non esquezades que a data límite para facelo é o 21 de febreiro.



                                     cgalescola@gmail.com


               ANIMÁDEVOS E PARTICIPADE!!!