23/12/18

BO NADAL!

Rematamos este primeiro trimestre co concurso de postais de Nadal. Durante as dúas últimas semanas, o alumnado confeccionou as súas, ben por libre ou axudados pola profesora de Plástica na súa aula.
Coma todos os anos,houbo bastante participación e a postal gañadora coa que se felicita a toda a comunidade educativa foi a de Antía Cabodevila Gutiérrez de 3º da ESO...noraboa Antía!

Todas estaban moi ben e foi difícil elixir cales eran as finalistas. En 2º lugar quedou a de Marcos Macía González de 1º ESO e en 3º lugar a da alumna de 1º da ESO, Nuria Torre Monasterio. Noraboa tamén a vós. Á volta das vacacións farásevos a entrega dos agasallos.

Dende o ENDL queremos darvos as grazas a tod@s @s que participastes polo voso bo labor, a ilusión e o tempo invertido en facer as vosas creación. Animávosvos  a seguir participando nestas actividades tan lúdicas e motivadoras.

Dende este mesmo recuncho, aproveitamos para desexarlle a toda a comunidade educativa do IES Enrique Muruais un feliz Nadal e un próspero aninovo 2019.


Antía Cabodevila Gutiérrez 3ºESO

21/12/18

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL 2018

Deseguido, deixámosvos unhas fotos da exposición das tarxetas de Nadal desta edición do 2018.









2º premio concurso de postais do Nadal. Autor: Marcos Macía González 1º ESO

3º premio concurso postais do Nadal. Autora: Nuria Torre Monasterio 1º ESO

11/12/18

OBRADOIRO DE REGUEIFA


Dende Bergantiños chegaron Lupe Blanco e Óscar García para facer co alumnado de 1º e 2º da ESO un obradoiro de poesía. Durante 90 minutos estiveron connosco amosándonos a súa arte, regueifando e ensinándonos a facelo nós.

Despois de presentarse en modo copla, tamén quixeron que @s alumn@s comprobasen como esta é unha arte onde se improvisa e nada está preparado. Despois dunha introdución teórica na que explicaron no que consistía esta arte, tocou pasar a unha parte práctica na que nenos e nenas inventaron as súas estrofas e deseguido regueifaron.

Resultou unha tarde moi amena , o alumnado divertiuse un montón e comprobou que a poesía non ten por que ser aburrida nin seria.

Cremos que tanto Lupe como Óscar tamén o pasaron moi ben… dende este blog queremos agradecerlles a súa visita e prometemos seguir regueifando e inventando moitas coplas.



5/12/18

VISÍTANOS LUPE BLANCO


Nun intento de achegar a poesía ás aulas, partindo do noso patrimonio e tradición, da nosa cultura,  fomentando a  vea artística e creativa do alumnado e mellorando o emprego da lingua no que se refire especialmente á destreza oral, o martes 11 nas dúas sesión da tarde imos ter no centro a Lupe Blanco impartindo ao noso alumnado de 1º e 2º da ESO un Obradoiro de regueifa.

Para quen non saiba  o que é o mundo da regueifa  ou ben desexe ampliar os seus coñecementos, deixámosvos unha ligazón onde podedes consultar.
http://www.regueifa.org/quen-somos



4/12/18

TEMPO DE NADAL

Achégase a época do Nadal e, como cada ano, o ENDL convoca ao alumnado do centro para participar no concurso de postais. As bases que rexen nesta nova convocatoria son as seguintes:

  1. Poderán participar tod@s @s alumn@s do centro.
  2. Os traballos presentaranse nunha cartolina tamaño A-4 e poderase empregar calquera tipo de técnica. Deben incluír obrigatoriamente un lema alusivo ao tema, redactado en galego.
  3. Os traballos non levarán o nome na cartolina, senón que se acompañarán en folio á parte cos datos d@participante.
  4. Valorarase a orixinalidade e a creatividade.
  5. O prazo de presentación dos mesmos será do 10 ao 14 de decembro como data límite.
  6. O xurado estará composto por membros do ENDL.
  7. A tarxeta gañadora do 1º premio será a oficial do instituto para parabenizar estas festas.