31/3/09

Reflexións de SUSO DE TORO sobre RAMÓN PIÑEIRO

EL PAÍS, 27/ 03/ 2009


" Tiven a extraña oportunidade de facerlle a última entrevista a Ramón Piñeiro. Unha entrevista extensa publicada logo dentro dun libro, Camilo Nogueira e outras voces. Unha memoria da esquerda nacionalista. Piñeiro foi discutido toda a vida, discutíronselle as súas decisións e mesmo a súa personalidade. Doente terminal, cerrando definitivamente o piso que lle proveera García Sabell na Rúa de Xelmírez en Santiago, sabía que era a última vez que se explicaría ante un micrófono, ante alguén, ante os demais. Ante si propio.

Explicou cada paso con argumentos nidios, cría o que dicía e a súa vida, era iso que explicaba. Represión, clandestinidade, diferenzas e ruptura co exilio, renuncia ao Partido Galeguista, resistencia cultural, diferenzas co nacionalismo, transición, autonomía, a súa idea de Galiza...Xunto a outras persoas, gastara a vida nesas cousas e obrara abnegadamente e con proveito para o país. E, con todo, faltándolle días nada máis, sabendo que todo concluíra, penso que sabía que non era comprendido. Maiormente non era comprendido polo mundo ao que pertencía, o galeguismo, que pasara de ser o seu galeguismo cultural a un nacionalismo dunhas esquerdas que non podía comprender, nin sequera eran unhas esquerdas parecidas ás que el coñecera na República e na clandestinidade. Probablemente se sentise un profeta ou un guía que ficara sen pobo a quen guiar. Non entro en se tiña razón o guía ou o pobo que se lle desmandou.

Piñeiro sabía que o seu sacrificio dera froitos na sociedade e na política. Sen o seu traballo e o dos compañeiros de xerazón política a Galiza actual non existiría deste modo. Aínda que non llo recoñecesen, sabía que tiña razón. Mais estou certo de que tamén sabía no fondo de si unha verdade amarga, o fracaso da vida. Ollando ao redor vería inevitabelmente mal realizadas e mal encarnadas as súas ansias, un puritano incansábel que ollaría con desalento as insuficiencias humanas do seu entorno, deste país. Como pode un idealista que entregou á súa maneira a vida á causa da Galiza non sentirse fracasado?.

Piñeiro ha de ser celebrado este ano como inspirador e autor de moitas cousas, mais a súa vida, como a de quen pretenda cambiar o mundo, é un fracaso."

24/3/09

A VOZ DE RAMÓN PIÑEIRO



"O Consello da Cultura Galega (CCG) distribúe na rede para o seu uso libre, baixo licenza Creative Commons, dez audios con declaracións de Ramón Piñeiro, primeiro presidente do CCG (1983-1990) ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. A colección " Ramón Piñeiro:unha voz na colección do ASG" está composta de dez documentos sonoros con fragmentos de entrevistas, reflexións, programas radiofónicos e intervencións parlamentarias protagonizadas por este polifacético intelectual galeguista."

Isto é o que atopei mergullándome pola Internet (na páxina de lingua de amor) e tedes alí unha escolma da colección sonora sobre Ramón Piñeiro. Visitade o enlace.


15/3/09

POLAFÍA

Aquí tedes o significado de polafía. A información provén da AELGA . As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións. A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o rescatar do esquecemento e poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio. O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; e dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores… etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.


13/3/09

Modelo Burela

Que é?. Desde fai uns días vense a falar do Modelo Burela. O día 24 de abril de 2008 o pleno do goberno municipal de Burela aprobaba, por unanimidade, un modelo de planificación lingüística , que recolle accións de dinamización non só en galego ou en castelán, senón tamén noutras linguas coma o inglés ou o francés. O plan pretende implicar a todos os chamados axentes sociais do concello ,empresas e outras organizacións.Este video é unha pequena mostra da mestizaxe de xente procedente de 50 nacionalidades(catro continentes) e da consideración do galego como lingua de comunicación. O documental amosa a capacidade de adaptación á realidade sociolingüística da vila da xente que vén de fóra. En Burela a gran maioría da súa poboación fala galego sen complexos e sen leas políticas. Coido que non é unha situación tan allea a nosa zona, non si?

Modelo Burela naceu nas aulas, do traballo dos alumnos e alumnas do IES O PERDOURO

Aquí unha mostra dese documental.

Otra parte dese mesmo documental.

10/3/09

Visita ao Mazo de Ferreiravella




Hoxe pola tarde os alumnos e alumnas de 1º de ESO realizaron unha visita ao Mazo da Fraga, en Ferreiravella. A actividade estaba programada para que os alumnos visen "in situ" o funcionamento dun mazo hidráulico e a rehabilitación dunha ferrería que, ata fai pouco tempo, estaba cuberta de silvas.
Espero que esta saida cultural servise para que se decatansen do rico patrimonio etnográfico que temos na nosa zona.



9/3/09

Propósito

Este blog intenta,desde o nivel básico de aprendizaxe na Internet, servir de ferramenta lingüística para aportar dinamismo, controversia, discusión...Só desde o intercambio, desde a comprensión e desde a necesidade primitiva de comunicación acadaremos un dominio en calquera lingua. É unha cuestión de actitude e de sentimento. Cumplíndose esas dúas premisas, teremos habilidade e competencia lingüística.