16/4/09

TÓPICOS SOBRE O IDIOMA

"A cultura da falta de esforzo está matando o galego"
Artigo escrito no xornal EL PAIS por Teresa Cuiñas. Pontevedra- 16/o4/2009

A filóloga Goretti Sanmartín revisa os tópicos sobre o idioma

O debate acerca da presunta existencia dun conflito lingüístico en Galicia é o protagonista anunciado da XXVI Semana Galega de Filosofía, desde que se fixo público que a educación era o tema da presente edición. No medio do cruce -que non diálogo- de discursos que mesturan política e criterios económicos con áreas sensibles como a identidade cultural e a liberdade, emerxen voces críticas que propoñen un novo modelo de defensa do galego, como a profesora da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín.

"O galego hai que defendelo porque é o sistema en que nos construímos"
"O momento é malo e vai ser absolutamente contrario a algúns avances, pero podemos aproveitar a crise do sistema para cambialo", indica a filóloga e responsable do departamento de Normalización Lingüística da institución coruñesa. Sanmartín forxou o seu optimismo desmontando tópicos. A investigadora observa que ao bipartito lle faltou facer "pedagoxía" acerca do polémico decreto da ensinanza en galego e que "fallou a explicación". Tamén sinala a "falta de memoria política dos que non lembraron que a base do decreto estaba acordada por todos os partidos con representación parlamentaria" e o papel de algúns medios de comunicación aos que "só lles interesaba crear crispación".

A profesora Sanmartín opina que chegou o momento de actuar como cidadáns en troques de deixar toda a capacidade de acción ás institucións. Deste xeito, aposta por unir o galego a outras causas, como o feminismo e o ecoloxismo, no marco dun pensamento e favorable a pluralidade e diversidade: "No é que teñamos que defendelo porque sexa a nosa lingua ou unha ferramenta de comunicación, porque nese caso sería máis útil falar inglés, senón porque o galego é o sistema no que nos construímos".

A autora do ensaio Nos camiños do entusiasmo: calidade da lingua e planificación (Xerais, 2009) introduce o concepto de seguridade como peza clave para a planificación lingüística. "Hai que deixar de dedicar tempo e recursos económicos aos monolingües en español e atender as necesidades dos flutuantes entre os dous idiomas e os monolingües en galego". As carencias dos dous últimos grupos son, o seu xuízo, subsanables si se aumentan as competencias expresivas dos falantes. Sanmartín confía en que este discurso conecte coa xente nova e alonxe do galego o estigma do coloquialismo. Aínda que advirte que non hai fórmulas máxicas, aposta por o pensamento e a lectura, antes que fundir na historia as raíces do problema: "Nin Franco nin os Séculos Escuros, o que agora está matando o galego é esta cultura rápida e pouco reflexiva, de falta de esforzo que está en crise. Por iso é o momento de reforzarnos con argumentos".

No hay comentarios:

Publicar un comentario