16/4/09

DECRETO DO GALEGO

Máis de 250 equipos de normalización de institutos e colexios esixen que non se derrogue o decreto do galego
Data de publicación: 16/4/2009 (La Voz de Galicia)

Colexios públicos, privados, institutos, escolas de idiomas, centros rurais agrupados ou escolas infantís. En apenas cinco días hábiles máis de 250 equipos de normalización lingüística adheríronse a unha campaña para evitar que o novo Goberno galego derrogue o decreto do galego.

Á fronte desta iniciativa sitúase a recentemente constituída Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, cuxos obxectivos van máis aló desta campaña puntual. Entre os argumentos apuntados por esta entidade figuran que o decreto desenvolve un plan de normalización que aprobaron por unanimidade todos os partidos do Parlamento galego cando gobernaba o PP e que, ademais, no referido a educación, contou coa participación de representantes das asociacións de pais, do profesorado, das organizacións pedagóxicas e das patronais do ensino concertado.

A tan polémica norma busca que o alumnado acade unha plena competencia lingüística e que poida expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais, no marco dun ensino plurilingüe, e non unha galleguización como critican algúns sectores. O Decreto 124/2007, aprobado pola Xunta saínte, favorece que cada centro elabore o seu proxecto lingüístico, cun documento que debe ser aprobado polo Consello Escolar e que, polo tanto, require a implicación e o consenso de toda a comunidade educativa. Finalmente, a coordinadora asegura que o anterior decreto (do ano 95) demostrara, como reflicten os resultados do Mapa Sociolingüístico de Galicia, que non respondía aos obxectivos para os que se deseñou.

Este sábado presentaranse no rexistro da Xunta as firmas recibidas ata agora, pero a medida que se vaian recollendo seguiranse achegando apoios. O mesmo día, a coordinadora levará a cabo unha asemblea no Mupega, situado en Santiago. Polo momento, a valoración que fan os coordinadores desta entidade é máis que positiva, xa que as firmas recolléronse en cinco días lectivos, e requírese para esta adhesión a reunión e o consenso dos membros dos equipos de normalización. En Galicia hai uns 1.500 centros educativos, e en teoría todos deben ter este departamento, algo que non se cumpre na práctica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario