26/2/14

DÍA DE SABELA

Hoxe é o DÍA !! Así con maiúsculas, porque hoxe Sabela Núñez Singala, a nosa Sabela do IES, a profe de Matemáticas, vai facer a presentación do seu primeiro libro " O agasallo de Anya" que é unha fermosísima novela infantil sobre un proxecto de axuda mutua que comezou a xestarse aló polo ano 2011, como ela ben di no seu blog Mochilinhas de cores, e que rematou con esta marabilla de agasallo. Será ás 20:00 h na Libraría Biblos de Lugo e canda ela tamén intervirá o escritor e editor Francisco Castro. Dende o EDL do IES Enrique Muruais, queremos parabenizar a Sabela e animala a que continúe engaiolándonos con esas historias que tan ben sabe contar, porque xa nos constaba que de números sabe moito, pero para nós, esta, foi unha sorpresa moi agradábel. Claro, que cando as cousas saen do corazón é todo moito máis doado... moitas grazas, Sabela, porque sabemos que non só che gusta e se che  dá ben contar historias, senón que ao tempo, reflictes o valor da solidariedade que tanto se necesita hoxe en día. Grazas a ti e á túa familia tamén porque xuntos nos amosastes que se pode viaxar, pasalo ben e axudar a construír un mundo máis bonito tendo en conta aos máis desfavorecid@s.
 Para quen aínda non o saiba, o argumento da obra é o seguinte: Xiana é unha nena galega de dez anos que ten un blog no que conta as súas experiencias persoais. Anya é unha pequena ucraína da mesma idade que escribe un diario. As dúas dan conta da súa realidade cotiá mes a mes, ao longo dun ano, un período no que as súas vidas se entrecruzan.

En días vindeiros, contarémosvos máis cousas... estade atent@s!!


4 comentarios:

  1. Moitísimas grazas!!!
    Cando isto escribo, xa pasou a Presentación de "O agasallo de Anya" e non me podo sentir máis feliz despois de ver a boa acollida que tivo o evento. Estou especialmente agradecida ás compañeiras e compañeiros do Instituto que me acompañaron e arrouparon nun acto tremendamente emotivo para min.
    Contáronme que ides ler a novela no Club de Lectura así que, se vos apetece, podemos xuntarnos un día para falar arredor da historia. Agardo que vos guste!
    Moitas grazas!!!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Foron intres moi emotivos os que nos fixeches vivir tamén a nós. Imos ler o Agasallo de Anya tamén no Club da Lectura e collémoste pola palabra no de contar coa túa presenza. Grazas!!

      Eliminar
  2. Gústame moito ver que este recuncho segue vivo... e con entradas coma esta moito máis!

    ResponderEliminar
  3. Pois si... aqui seguimos Bolboreta.

    ResponderEliminar