11/4/22

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

 



Florencio Manuel Delgado Gurriarán
naceu o 27 de agosto de 1903 na aldea de Córgomo pertencente ao concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras.  Foi o menor dos cinco fillos do matrimonio  de Florencio e Consuelo.

Cando tiña seis anos transladouse coa familia a Ourense e posteriormente a Palencia e Valladolid onde cursou o Bacharelato e a carreira de Dereito. En 1928 a familia regresou a Córgomo e Florencio comeza a traballar como pasante nun bufete de abogados no  Barco de Valdeorras. Neste tempo escribe moitos versos e publica artigos xornalísticos en A Nosa Terra e   O Heraldo de Galicia co pseudónimo de Korgomófilo.

No 1933 ingresou no Partido Galeguista. Nesta época coñeceu a Castelao ao que lle dedicará o libro O soño do guieiro.

Co comezo da guerra civil, FDG foxe de Valdeorras a Portugal, Francia e por último a México onde vivirá o seu exilio. O Partido Galeguista edita en México no 1943 Cancioneiro da loita galega no que colabora Florencio con poemas relacionados coa guerra civil e a resistencia antifranquista. Florencio, ao chegar a México, tivo varios empregos e traballou nunha empresa farmacéutica ata a súa xubilación.

Colaborou facendo traducións de poetas franceses no volumen Poesía inglesa e francesa vertida ao galego publicado pola Editorial Galaxia en 1946 e que foi premiado pola Federación das Sociedades Galegas da Arxentina. Foi un dos creadores do programa radiofónico en galego A Hora de Galicia que estivo en antena en México durante case 20 anos. Tamén foi un dos fundadores, en 1959, da revista en galego Vieiros con Luis Soto e Carlos Velo. Deixouse de editar en 1968.

En 1963, a Editorial Galaxia publica Galicia Infinda, obra que recolle unha boa parte dos poemas de postguerra; agrupados en cinco partes: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros, Varia e Poemas mexicanos.

Edicións do Castro publicou en 1971 Cantarenas que recolle poemas de Bebedeira ,Valdeorresas e Dionisias. O tema central son as terras de Valdeorras e o mundo do viño.

O Soño do guieiro foi publicado en 1986 por Edicións do Castro e está dedicado ao seu amigo Castelao. Recolle poesía da loita, de combate, da guerra civil, da postguerra e do exilio mexicano.

 

A derradeira visita de FDG a Galicia tivo lugar en 1981 e en Valdeorras foi recoñecido como membro correspondente da Real  Academia Galega.

Florencio faleceu en California o 14 de maio de 1987 nunha visita a unha das súas fillas. As súas cinzas foron transladadas a Córgomo o 12 de xullo dese mesmo ano.

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario