30/10/20

De que é época?

 Cheirades iso? 

Algo se está a cocer no instituto... 

Pronto o saberedes, pero... o que se cociña lentamente soe saber moi moi ben. 

Aquí vos deixamos un adianto!




24/10/20

BENVID@S AO BLOG DO EDLG CURSO 2020-2021

 Ola! Damos comezo a un novo curso dentro dunha situación excepcional que vén marcada pola pandemia da Covid19.

Nós, aquí seguimos, traballando pola lingua e pretendendo que a nosa vida académica continúe coa maior normalidade posíbel.

Imos presentarvos o novo EDLG neste curso 2020-2021

Profesorado

  • Elena Aller González (Departamento de Música)
  • Cristina Díaz Varela (Departamento de Lingua Galega)
  • Yajaira Enríquez Martínez (Departamento de Xeografía e Historia)
  • Ana María Loriente Acebedo (Departamento de Educación Plástica e Visual)
  • Blanca Mª Rodríguez Díaz (Departamento de Latín e Grego)
  • Ángeles Rodríguez Llamazares (Departamento de Lingua Galega. Coordinadora do EDLG)
Alumnado

  • Marcos Acebo Linares (1º ESO A)
  • Paulo Ramallal Vázquez (1º ESO B)
  • Yasmín Cabanas Quintana (2º ESO)
  • Marcos Macía González (3º ESO)
  • Miguel Rivas Castro (4º ESO)
  • Juan Díaz Alonso ( 1º BAC)
  • Sara Martínez Pumares (2º BAC)
Representante da Administración e Servizos

  • José Vega Chao

 


 


21/3/19

VISITA DE LADO E ALDAO


 O IES Enrique Muruais acolleu hoxe día 21 de marzo a visita de dúas mulleres moi especiais: María Lado e Lucía Aldao. Ofrecéronnos un espectáculo ao longo dunha hora cheo de versos, música e humor. Damos conta  da actividade a través destas fotos e un vídeo que amosa o resultado dun poema que se elaborou (partindo de versos soltos de diferentes poetas) entre todo o alumnado do centro que participou na actividade. Alumnas e alumnos asistentes quedaron  encantad@s cunha sesión poética que bota abaixo e desmitifica a idea de que a poesía é aburrida, amosándonos estas artistas a vertente máis lúdica da creación poética.

Este acto organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, xunto coa Biblioteca do centro e o Dpto. de Lingua Galega, forma parte das actividades que se organizaron para celebrar o Día Internacional da Poesía.

Moitas grazas pola vosa visita, María e Lucía!!





3/3/19

E CHEGOU O ENTROIDO...


O pasado venres día 1 de marzo, houbo celebración no instituto. Comezou a semana o noso MECO (este ano, como non podía ser menos, contamos coa presenza de Abel  Caballero iluminando a entrada do instituto) dando as ordes  para cada día.

Unha edición máis do Entroido, unha das nosas festas por excelencia e que nos divirte un montón. Por iso, este venres xa desde as primeiras horas tanto adult@s como os menos grandes  parecía que non tiñan moitas intencións de traballar e  respirábase ambiente de festa e de inicio duns días de lecer , que tamén viñan ben.

Houbo moita participación do alumnado e, todo hai que dicilo, as comparsas esmeráronse en facer as súas parodias que resultaron do máis gracioso.

Nesta xornada de venres, entre a 2ª e 3ª hora, foron visitando as clases e sorprendendo a profes e  alumn@s uns personaxes un tanto raros que case daba algo de medo velos porque ían enfundados de enriba a abaixo e cun instrumental non moi común dentro das nosas aulas.

Logo durante o recreo , cando xa o xurado fixera a súa valoración, tod@s puidemos degustar os postres e lambetadas de Entroido co que o alumnado participou nun concurso.

Ás 13:30 horas deu comezo o festival de comparsas, que presentaron con moita profesionalidade Miriam e Adrián de 4º ESO. Resultou do máis divertido  e as comparsas fixeron que nos esmendrelláramos coa risa. Foi bastante disputado e o xurado que as valorou, seguro que o tivo moi difícil porque todas o fixeron moi ben. Houbo quen non estivo moi de acordo cos resultados, pero sempre e en todo momento en clave de humor.

Ao remate, tamén houbo música e un pouco de baile a cargo de Celtia e Esteban de 4º ESO. E para remate dun día de festa, soubemos quen foron os afortunad@s que levaron os premios:

CONCURSO DE LAMBETADAS DO ENTROIDO:

1º PREMIO: Torta de chocolate con fresas de Marina, Nerea e Noa de 1º ESO

2º PREMIO: Torre de crêpes de Ainara e Antía de 3º ESO

3º PREMIO: Profiteroles   presentados por  Nuria de 2º ESO



CONCURSO DE COMPARSAS:

1º PREMIO: Comparsa de 1º ESO

2º PREMIO: Comparsa de 1º BAC

3º PREMIO: Comparsa de 4º ESO

Todos os premiados recibirán os seus agasallos á volta das vacacións do Entroido.

Desde este blog do ENDL queremos dar as grazas a todo o alumnado que coa súa participación fai posíbel que esta festa poida ter continuidade e tamén a todo o profesorado colaborador , sempre disposto a botar unha man e que dun xeito ou outro, contribúe a que todo o esforzo realizado pague a pena. A tod@s,  alumnado e profesorado, MIL GRAZAS!!

Podedes ver unha pequeña mostra de fotos, pero se queredes ver moitas máis, podedes ir á galería da web do centro.

25/2/19

LEMBRANDO A ROSALÍA


O día 22 de febreiro celebramos no instituto o Día de Rosalía cun pequeno acto conmemorativo durante o recreo.

O alumnado integrante do ENDL leu diversos poemas pertencentes á obra rosaliana, mentres que alumnas de 3º da ESO acompañaban estas lecturas públicas ao son das notas das gaitas, da pandeireta e dos acordeóns.

Pero anteriormente a este broche final, durante toda a semana leváronse a cabo diversas actividades para  profundizar no coñecemento  da nosa poeta galega.

O alumnado de 1º e 2º ESO elaboraron un estudo cronolóxico da súa vida e da súa obra , mentres que o resto do alumnado desde 3º ESO a 2º BAC  leron os versos máis combativos dunha Rosalía que loitou contra a inxustiza social, o espolio os éxodos ou o abuso laboral… temas moi vixentes aínda hoxe na nosa sociedade. O alumnado de2º BAC fixo a lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que nesta edición redactou Ana Romaní.  Alumnado 1º de BAC  preparou unha análise do contexto social e literario da época na que viviu Rosalía de Castro: O Rexurdimento.

Elaborouse un photocall  onde se podía contemplar a figura da poeta sobre un fondo do noso instituto.

E unha vez máis,  alumnado de 1º ESO foi o encargado este ano de sacar os versos de Rosalía polas rúas. Establecementos tanto públicos como privados de Riotorto e A Pontenova,  colgaron nas súas paredes e nas súas cristaleiras fermosos poemas rosalianos.

Todas estas actividades foron realizadas colaborando a Biblioteca do centro co Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega.

 Deixámosvos testemuña das actividades a través das fotos e de vídeo.







22/2/19

A ONU FALA GALEGO

Por primeira vez na ONU, a nosa lingua, a lingua de Rosalía empregouse nun comunicado oficial.
Podedes lelo premendo Aquí