2/10/09

FALEMOS GALEGO...

... DEUS TAMÉN O FAI Victorino Pérez (Tori)

6/8/09

PLATAFORMA PROLINGUA


Aínda que sexa o mes de agosto, as novas seguen chegando. Hoxe atopei esta información na edición dixital de Galiza Hoxe:

ProLingua

Unha plataforma creada "por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia".

"ProLingua é unha plataforma creada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación. En función disto, declaramos como obxectivos irrenunciables de ProLingua a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, que contaron, en ambos casos, coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galicia. (...) Establécese como único requisito ás persoas que desexen pertencer a esta plataforma, a intención de se comprometeren na defensa da lingua galega e na promoción do seu uso en todos os ámbitos, tanto públicos coma privados. Dado que a lingua galega é patrimonio do pobo galego, rexeitamos calquera pretensión de apropiarse dela ou de atribuírlla a calquera grupo ou ideoloxía particulares. Por iso ProLingua se declara unha plataforma apartidaria e plural.(...) Toda a información no espazo web de ProLingua.






4/7/09

A UNIVERSIDADE E O GALEGO

AS TRES UNIVERSIDADES ÚNENSE PARA FOMENTAR O USO DO GALEGO NO ENSINO. 04/07/2009 , Xornal.com

Na primeira reunión deste novo órgano pulouse por promover os procesos de normalización lingüística no ensino superior.


As tres universidades galegas enviaron onte un comunicado no que informaban da constitución dunha Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística “que nace co compromiso do fomento do uso da lingua galega no espazo de educación superior”.

A creación desta comisión coincide nun momento no que parte da sociedade galega comeza a mobilizarse contra as políticas que pretende levar a cabo a Xunta de Galicia con respecto ao uso do galego no ensino. Fontes das universidades aseguran que a iniciativa xorde neste momento, aínda que non motivada especialmente polas directrices que está a implantar a Conselleria de Educación. Non obstante, a intención desta comisión interuniversitaria é “rendibilizar recursos e homoxeneizar a planificación normalizadora neste ámbito”.

A comisión estará constituida polos tres reitores das univerdidades galegas, quenes ostentarán a presidencia de forma rotatoria por períodos dun ano. Actualmente, o reitor coruñés, José María Barja, é quen ostenta este cargo.

Na primeira reunión deste novo órgano, que tivo lugar en días pasados, acordouse realizar unha serie de propostas para “desenvolver normativas que fomenten o uso do galego na docencia, fundamentalmente nos primeiros anos dos novos graos”. Igualmente, acordouse “deseñar unha campaña común sobre os dereitos lingüísticos na comunidade universitaria e dar os pasos precisos para presentar de maneira unitaria os recursos lingüísticos existentes e para pór ao servizo de todo o sistema universitario galego as ferramentas producidas en cada unha das universidades.

Segundo informan desde a universidade da Coruña, entre outros asuntos abordados na primeira xuntanza deste órgano, os reitores e membros da comisión mostraron a súa preocupación “polo recorte previsto do orzamento para actividades de normalización” e acordou dirixirse á Secretaría Xeral de Política Lingüística, dirixida por Anxo Lorenzo, para facerlle chegar unha serie de iniciativas “entre as que se atopa a de continuar e ampliar a oferta de manuais e de material docente para o ensino universitario”.

Nesa liña de garantir que o profesorado goce de material docente en galego, a comisión decidiu dirixirse á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

2/7/09

PuntoGal...Xa vai sendo hora


O goberno da Xunta compromete todo o seu apoio para crear un dominio específico na rede sobre contidos galegos
Así llo transmitiron hoxe os secretarios xerais de Política Lingüística e mais de Modernización e Innovación Tecnolóxica a representantes da asociación PuntoGal
Está previsto que a aprobación definitiva do .gal se produza na primeira metade do próximo ano
Santiago, 2 de xullo de 2009 .- A Xunta de Galicia comprometeu todo o seu apoio coa iniciativa da asociación Puntogal, que procura a construción dun espazo específico en internet para a lingua e cultura galegas, o dominio .gal. Así llo transmitiron hoxe a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica de Presidencia, Mar Pereira, e o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación, Anxo Lorenzo, aos representantes de Puntogal.
Durante a reunión, o presidente da asociación, Manuel González, o vicepresidente, Camilo Regueiro, e o secretario, Darío Janeiro, informaron os secretarios das xestións que se levaron a cabo para conseguir pór en marcha na rede este dominio. Así mesmo, desde a asociación PuntoGal confirmaron que a aprobación definitiva do dominio está prevista para o primeiro semestre do vindeiro ano. Numerosos apoiosA asociación PuntoGal foi constituída en 2006 por varias entidades promotoras, entre elas a Real Academia Galega, para conseguir crear un espazo específico en internet baixo o cal poder agrupar todas as webs con contidos en galego, ou noutras linguas que, dalgún xeito, teñan relación coa cultura e a sociedade galegas.
Entre os numerosos apoios de persoas e institucións cos que conta esta iniciativa atópanse asociacións e colexios profesionais, asociacións culturais e xuvenís, medios de comunicación e empresas de diversa actividade, entre outros.

22/6/09

ILG ENVÍA UNHA CARTA A FEIJÓO

Reprocha que se transmita a idea de que o galego "é lingua só dunha parte da cidadanía".
22/06/2009

"Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia,O Consello Científico do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela acordou dirixirse a vostede para lle manifestar a súa preocupación polas medidas adoptadas e polas declaracións realizadas nas últimas semanas polos distintos membros do goberno galego verbo da lingua propia de Galicia. Estas actuacións supoñen un serio retroceso na extensión do coñecemento do galego e na súa implantación na sociedade, na administración e no ensino, e ademais están a producir un dano gravísimo ao prestixio social da lingua galega, socavando todas as actuacións de normalización anteriores e poñendo en cuestión as futuras, ao difundir desde as máis altas instancias as falsas ideas de que o galego é lingua só dunha parte da cidadanía e de que existe un proceso de imposición que discrimina os castelanfalantes. Por outra parte, resulta contraditorio que este retroceso se produza nun momento en que existe un interese crecente pola nosa lingua en ámbitos académicos e científicos de numerosos países e nas administracións europeas. Aínda non hai moito o Consello de Europa chamaba a atención sobre a insatisfactoria situación do galego no ensino, a discriminación que sofren os galegofalantes no sistema xudicial e a situación de marxinación nas empresas que prestan servizos públicos en Galicia. Todos os estudos de carácter sociolingüístico inciden sobre a situación de inferioridade e retroceso que está a sufrir a lingua galega. O goberno galego, cumprindo a lexislación vixente, ten o deber de promover a lingua galega en todos os ámbitos da sociedade, e ten tamén a responsabilidade de contribuír a xerar un clima positivo cara a ela, desfacendo os vellos prexuízos que aínda se manteñen vixentes e impulsando as súas potencialidades tanto para o desenvolvemento dunha sociedade máis libre e máis xusta coma para a proxección de Galicia cara ao exterior. A lingua é un ben compartido por toda a sociedade. É por iso responsabilidade de todos, e en primeiro lugar da Xunta de Galicia, impedir que se converta en motivo de conflito. A lingua galega, lonxe de ser unha limitación, é un activo fundamental para Galicia e ten sen dúbida grandes posibilidades de futuro, na Europa multilingüe e na sociedade aberta que estamos a construír. Consello Científico do Instituto da Lingua GalegaUniversidade de Santiago de Compostela"

14/6/09

POLÍTICA LINGÜÍSTICA

NOVA APARECIDA EN VIEROS.COM- 13/06/2009
Anxo Lorenzo promete unha política lingüística "baseada na promoción activa" do galego.

A Mesa, sindicatos e asociacións de pais cualifican a consulta sobre o idioma de "tramposa".


O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, prometeu este venres que o seu departamento levará a cabo "unha promoción activa" do galego a través dunha política que, "sendo diferente ás anteriores, está baseada na promoción activa e multidimensional" da lingua propia. Así, no marco da homenaxe ao escritor de Abadín Aquilino Iglesia no centenario do seu nacemento nesta localidade, Lorenzo apelou ao "consenso e a concordia". "O pobo galego non nos vai perdoar que non sexamos capaces de deixar a un lado as rivalidades partidistas cando se trata da lingua galega", destacou. Finalmente, considerou "o idioma" como "a base da convivencia como pobo", e lembrou e valorou o traballo realizado polo escritor homenaxeado, que foi membro da Real Academia Galega, "a favor do idioma e da cultura de Galiza".
Novas críticas á consulta de Educación
Por outra banda, a Mesa pola Normalización Lingüística, xunto con sindicatos e asociacións de pais de alumnos cualificaron en Ferrol tamén este venres que a consulta sobre o idioma no ensino proposto pola Consellaría de Educación é "tramposa".
Consideran que no apartado que se destaca como "só en galego" fai referencia ás materias troncais e "non a todas as disciplinas, como dá a entender". Ante isto, pedíronlles aos pais que marquen a opción dunha educación só en galego, porque se refire "ás materias troncais", o que tan só suporía continuar co deseño educativo actual.

8/6/09

A LINGUA GALEGA NO ENSINO

Os Equipos de Normalización alertan do perigo dunha “fractura social”
A coordenadora de docentes vai distribuir milleiros de dípticos en centros públicos e concertados para que os pais teñan información con criterior pedagóxicos para cubrir as enquisas de Educación.

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística (ENDL) vai distribuir nos vindeiros días ducias de milleiros de dípticos en todos os centros de educación non universitaria. A coordinadora quere darlle aos pais información sobre a importancia da presenza da lingua autóctona no sistema educativo. Valentina Formoso, voceira desta plataforma, sinalou que se está a dar un debate eminentemente ideolóxico e que, pola contra, o díptico quere achegar estudos rigorosos e pedagóxicos: “Dirixímonos aos pais porque intereses políticos, e non educativos, crearon un problema no ensino sobre dúas linguas oficiais da comunidade, que pode derivar nunha perigosa fractura social”.Os dípticos comezarán a chegarlle esta mesma semana aos equipos de normalización, que se encargarán de distribuilos en cada centro, fundamentalmente a través das asociacións de pais. A idea é abranguer a practicamente todos os centros públicos e concertados que existen en Galiza. Formoso subliña que o obxectivo é dar unha visión como docentes de que “temos unha lingua propia e das vantaxes que ten aprender en galego. Nós queremos que o alumnado sexa igual de competente en galego coma en castelán”.