8/10/21

MIL PRIMAVERAS MÁIS

 

Estamos de volta e seguimos de  andaina, co novo equipo deste ano académico, explorando novos camiños, con moitos azos porque queremos e desexamos que a nosa lingua e a nosa fala, parafraseando a Cunqueiro, dure mil primaveiras máis.

Pois iso, a modo de benvida, lembramos para todas/os   parte do discurso que deu o autor mindoniense en Vigo aló polo ano 1980 nunha homenaxe que lle deron.

 

Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

 

18/5/21

LETRAS GALEGAS 2021: XELA ARIAS

 

O departamento de Lingua Galega xunto co EDLG celebrou as Letras Galegas en homenaxe a Xela Arias con diversas actividades que levaron a cabo co alumnado da ESO e de BAC.

En 1º e 2º ESO participaron na pescuda e selección de información sobre a vida e obra da escritora luguesa que naceu en Sarria en 1962 e morreu en Vigo á idade de 41 anos. Ademais, realizaron actividades variadas (pasapalabras e pasatempos) que axudaron ao afianzamento sobre o coñecemento da figura de Xela Arias. Tamén realizaron a nivel plástico portadas das súas obras e dalgunhas das súas traducións.

 Por outra banda, crearon nubes de palabras con versos da poeta. Todo este material, quedou exposto no andar da entrada do centro.

En 3º e 4º da ESO levaron a cabo actividades de escape room para coñecer e indagar sobre a biografía e obra da homenaxeada. Elaboraron pasatempos (crucigramas, sopas de letras, sopas de números e xerogríficos) sobre datos da vida e obra de Xela.

O alumnado de 4º traballou a linguaxe publicitaria para promocionar a figura de Xela Arias.

En 1º BAC o alumnado investigou sobre a figura da escritora na aula de informática, a través dunha web quest que serviu como guión para seguir, por parellas, cun concurso en kahoot baseado nas preguntas da web quest. 

Do mesmo xeito, por parellas, escolleron un poema de Xela Arias que recitaron e lle deron a súa interpretación, xustificando a súa escolla.

 

Ademais durante toda a semana de celebración das Letras Galegas se estivo proxectando durante os recreos o documental XELA ARIAS. A PALABRA ESGAZADA  xunto coa música de Germán Son,  Clara Pino e Pablo Vidal ou A Banda da Loba.


1º, 2º ESO

 3º, 4º ESO

1º BAC

1º ESO 

 

21/12/20

Fun fun fun!

 Chega o Nadal e con el a felicidade, as ganas de comezar un novo ano, e os desexos. Por iso, o noso alumnado fixo unhas fermosas tarxetas para felicitarnos esta época de fantasía e soños. 

Non podemos estar máis namorados das creacións deste ano, pois non hai ningunha que non nos mostre a creatividade que teñen os seus autores. Pero, coma en todo, tivemos que elixir as máis elaboradas para decidir quenes serían os gañadores do concurso. E... non sabedes o dfícil que foi para o equipo do EDLG elexilos!!!

Porén, complacenos anunciar os gañadores/as:

1º posto para Álvaro de 2º ESO

2º posto para Marcos Suárez de 2ºESO

3º posto para Antonella de 3ºESO








Noraboa rapaces! 

Doutra banda, aquí vos deixamos o resto de tarxetas, para que compartades a nosa ilusión polo traballo realizado e vos namoredes delas coma nos fixemos!!!

 



10/12/20

Chega decembro...

 Chega decembro e con el o Nadal. Época de turrón, de doces e de comidas familiares. Época de soños e esperanzas. Época na que pedir desexos está permitido. Non, mellor dito, é obrigatorio!

Por iso, dende o EDGL deixamos ao noso alumnado soñar e usar a súa imaxinación... Polo que vos pregunto, que se estará a cociñar dentro das catro paredes do noso instituto?

Queredes unha pista? 

Alá vai!


25/11/20

Día contra á Violencia de Xénero

 É ben certo que hai días que ogallá non tiveramos que celebrar. Pese a iso, dende o EDGL traballamos estas semanas moi duro para concienciar ao noso alumnado sobre a violencia e, sobre todo, sobre a violencia de xénero. Pois, a educación é unha parte importante para erradicar este mal que habita na nosa sociedade.

Con todo, estamos moi orgullosos e orgullosas de ver o esforzo que, unha vez máis, se viu reflectido na pequena familia que formamos o IES Enrique Muruais. Conseguimos máis de cen mans que representan o rexeitamento á violencia de xénero, cen mans que abrazan a dignidade humana e, sobre todo, cen mans que foron feitas con cariño e escritas con palabras positivas que representan o amor, o cariño, a solidaridade e o apoio ás vítimas de violencia de xénero.

Aquí vos deixamos unhas fotos do traballo de profesorado e alumnado. Alumnado, que lle dá as costas á violencia, pero sen torcer a vista cara outro lado. Así é como o representaron hoxe algúns dos que forman parte do EDGL:

 

 

 

 




E recordemos que, como dicía Frida Kahlo (pintora mexicana), "amurallar o propio sufrimento é arriscarte a que te devore dende o interior".
 

11/11/20

Mes da ciencia

 Dende o EDGL tamén quixemos poñer o noso gran de area neste mes onde, dende os máis pequenos aos máis grandes do instituto, están a participar. 

A nosa contribución faise dende a lectura, pois xa se sabe, ler e coma entrar nun mundo novo onde a fantasía e a realidade se mesturan. E esa e a nosa idea! Que as letras e as ciencias se collan da man e se apreten forte.

E sen máis, aquí vos deixamos unha foto con algúns dos títulos que suxerimos como lectura dentro deste marabilloso mes científico.

 



O Feitizo da Ciencia

 Este mes celebramos o mes da ciencia. E nada mellor ca comezar con este precioso manifesto que foi lido no centro. Compartímolo con vós:

Está en todas partes. Dentro do teu ordenador, no microondas e na neveira da cociña, en todos os medicamentos que tomamos de cando en vez, nos instrumentos de medición que hai nos hospitais, nas lámpadas que dan luz cando marcha o Sol, no motor do coche e do patinete eléctrico... chámase ciencia e é unha das ferramentas máis poderosas que desenvolvemos os seres humanos para tratar de comprender como está organizado e como funciona o mundo. A ciencia non é unha cousa escura que só se fai en complexos laboratorios, senón que, por riba de todo, é unha maneira de pensar, unha actitude para chegar ao coñecemento. Consiste en observar a natureza con paciencia e curiosidade, dun xeito rigoroso e meticuloso, co obxectivo de, pouco a pouco, descubrir os mecanismos que se agochan detrás dunha planta que agroma, dun bebé que comeza a camiñar, dun volcán en erupción ou dun medicamento que elimina a dor de cabeza. O traballo da ciencia pode facerse cun lapis e un papel, anotando o paso de aves migratorias, propoñendo unha hipótese brillante para explicar algún fenómeno da natureza, ou desenvolvendo unha solución matemática para calcular a danza aérea dunha bolboreta. E, por suposto, o traballo da ciencia tamén se fai nas instalacións que hai nos centros de investigación e de ensino, desde as máis simples ata as máis especializadas. En Galicia temos a fortuna de poder facer ciencia de calidade nos laboratorios das universidades e doutros centros de ensino. O importante e botarlle ilusión, paciencia e moita imaxinación. Pero ademais de facer ciencia, todos podemos gozar do traballo, das achegas e das vidas das científicas e dos científicos mergullándonos nos libros. Cada libro é unha viaxe interestelar á mente doutras persoas, ás súas aventuras, penas e alegrías. Nas nosas bibliotecas podemos gozar sen límite con relatos abraiantes sobre o funcionamento do cerebro, a vida das abellas ou a construción dun aeroplano. Cada libro é unha xoia capaz de alimentar e de estimular a mente. E ademais podemos gozalos na nosa lingua, en galego, porque a ciencia fala todos os idiomas, pode emocionar todas as mentes. O mes da ciencia en galego nas bibliotecas é unha oportunidade estupenda para deixarse enfeitizar pola maxia dos libros e do coñecemento que atesouran. Pero, ollo; esta actividade é profundamente aditiva e, sen que un se decate, pode acabar gozando da lectura todos os días do ano.

 

Xurxo Mariño Alfonso Dep. Legal: C 1366-2020 Profesor, investigador e divulgador científico