11/11/20

O Feitizo da Ciencia

 Este mes celebramos o mes da ciencia. E nada mellor ca comezar con este precioso manifesto que foi lido no centro. Compartímolo con vós:

Está en todas partes. Dentro do teu ordenador, no microondas e na neveira da cociña, en todos os medicamentos que tomamos de cando en vez, nos instrumentos de medición que hai nos hospitais, nas lámpadas que dan luz cando marcha o Sol, no motor do coche e do patinete eléctrico... chámase ciencia e é unha das ferramentas máis poderosas que desenvolvemos os seres humanos para tratar de comprender como está organizado e como funciona o mundo. A ciencia non é unha cousa escura que só se fai en complexos laboratorios, senón que, por riba de todo, é unha maneira de pensar, unha actitude para chegar ao coñecemento. Consiste en observar a natureza con paciencia e curiosidade, dun xeito rigoroso e meticuloso, co obxectivo de, pouco a pouco, descubrir os mecanismos que se agochan detrás dunha planta que agroma, dun bebé que comeza a camiñar, dun volcán en erupción ou dun medicamento que elimina a dor de cabeza. O traballo da ciencia pode facerse cun lapis e un papel, anotando o paso de aves migratorias, propoñendo unha hipótese brillante para explicar algún fenómeno da natureza, ou desenvolvendo unha solución matemática para calcular a danza aérea dunha bolboreta. E, por suposto, o traballo da ciencia tamén se fai nas instalacións que hai nos centros de investigación e de ensino, desde as máis simples ata as máis especializadas. En Galicia temos a fortuna de poder facer ciencia de calidade nos laboratorios das universidades e doutros centros de ensino. O importante e botarlle ilusión, paciencia e moita imaxinación. Pero ademais de facer ciencia, todos podemos gozar do traballo, das achegas e das vidas das científicas e dos científicos mergullándonos nos libros. Cada libro é unha viaxe interestelar á mente doutras persoas, ás súas aventuras, penas e alegrías. Nas nosas bibliotecas podemos gozar sen límite con relatos abraiantes sobre o funcionamento do cerebro, a vida das abellas ou a construción dun aeroplano. Cada libro é unha xoia capaz de alimentar e de estimular a mente. E ademais podemos gozalos na nosa lingua, en galego, porque a ciencia fala todos os idiomas, pode emocionar todas as mentes. O mes da ciencia en galego nas bibliotecas é unha oportunidade estupenda para deixarse enfeitizar pola maxia dos libros e do coñecemento que atesouran. Pero, ollo; esta actividade é profundamente aditiva e, sen que un se decate, pode acabar gozando da lectura todos os días do ano.

 

Xurxo Mariño Alfonso Dep. Legal: C 1366-2020 Profesor, investigador e divulgador científico

No hay comentarios:

Publicar un comentario