11/11/20

Día das escritoras

 Aínda que tarde, queremos pechar os acontecementos do mes de outubro. E cal é a mellor maneira? Co traballo do noso alumnado, que unha vez máis se implicou no Día das Escritoras.

Celebrouse o día 19 na Biblioteca, e estamos moi contentos de dicir que tanto o Departamento de Lingua Galega como as titorías de 1º e 2º de ESO colaboraron aportando traballos sobre catro escritoras: Xohana Torres, Marica Campo, Teresa Moure e Andrea Maceiras.

Queremos darlle as grazas a este alumnado pola implicación, e polas ganas de aprender máis sobre a nosa cultura.

Lembrade: "O coñecemento fainos libres"

 




 

3/11/20

Seguimos co Samaín. É a hora do léxico!

Dice un cantante galego, Xoel López "sen as palabras, dime, que nos queda?". 

E é ben certo que sen palabras non somos nada. É por isto que dende o equipo de EDGL e, sobre todo, dende o Departamento de Lingua Galega, o alumnado de 1º de ESO estivo a traballar no léxico referente ao Samaín.

Ademais, este ano contamos con nenas de orixe marroquí e chinés, coas que estamos a aprender moito da súa cultura e da súa lingua. Pero nós, queremos que pouco a pouco tamén coñezan a nosa e se acheguen ao noso fermoso galego
. Desta maneira uns aprendemos dos outros. E, que viva a interculturalidade!

Aquí vos deixamos unha mostra dalgunhas das palabras coas que o alumnado estivo a traballar durante toda a semana pasada. 

Esperamos que vos gusten. Nós estamos moi emocionados coa aprendizaxe cultural e léxica de todo o alumnado e, sobre todo, do resultado final.

Mostraremos máis sorpresas? 

Debedes esperar a próxima publicación.


O Samaín

 O Samaín é unha festividade de orixe celta. E preguntarédesvos, por que se celebraba? 

Pois ben, como pobo rural que eran, os celtas dábanlle moita importancia a colleita, polo que, a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro celebraban o final da tempada de recolección, comezando así o Ano Novo para eles.

Pouco a pouco o cristianismo foi chegando a toda Europa, e no século VII o Papa Bonifacio VI, decidiu fixar unha data para celebrar un día de "Todos os Santos", día que nun principio foi estipulado en maio, ata que Gregorio III, intentando aplacar as festividades paganas, fixou o día como o 1 de novemebro. De maneira que o día 31 serviría para preparar a festa. 

Esta tamén é a orixe do Halloween, pois esta palabra provén de All Hallow's Eve, é dicir, Día de Todos os Santos. Esta festa moi extendida polo mundo anglosaxón chegou ata nós, a pesar de que as nosas raíces estean no pobo celta. 

Polo tanto, dende o equipo de EDLG tratamos de fomentar o noso pasado, as nosas costumes como galegas e galegos que somos. É por isto que a semana pasada, todos os profes do equipo e o alumnado fixeron do centro un lugar máxico, onde as pantasmas, as caveiras e os morcegos tiveron un protagonismo especial. 

Deixámosvos aquí unha mostra da decoración do noso Samaín.

Pero, aínda temos máis cousas das que falar! 

Non vos perdades o próximo post.



30/10/20

De que é época?

 Cheirades iso? 

Algo se está a cocer no instituto... 

Pronto o saberedes, pero... o que se cociña lentamente soe saber moi moi ben. 

Aquí vos deixamos un adianto!




24/10/20

BENVID@S AO BLOG DO EDLG CURSO 2020-2021

 Ola! Damos comezo a un novo curso dentro dunha situación excepcional que vén marcada pola pandemia da Covid19.

Nós, aquí seguimos, traballando pola lingua e pretendendo que a nosa vida académica continúe coa maior normalidade posíbel.

Imos presentarvos o novo EDLG neste curso 2020-2021

Profesorado

  • Elena Aller González (Departamento de Música)
  • Cristina Díaz Varela (Departamento de Lingua Galega)
  • Yajaira Enríquez Martínez (Departamento de Xeografía e Historia)
  • Ana María Loriente Acebedo (Departamento de Educación Plástica e Visual)
  • Blanca Mª Rodríguez Díaz (Departamento de Latín e Grego)
  • Ángeles Rodríguez Llamazares (Departamento de Lingua Galega. Coordinadora do EDLG)
Alumnado

  • Marcos Acebo Linares (1º ESO A)
  • Paulo Ramallal Vázquez (1º ESO B)
  • Yasmín Cabanas Quintana (2º ESO)
  • Marcos Macía González (3º ESO)
  • Miguel Rivas Castro (4º ESO)
  • Juan Díaz Alonso ( 1º BAC)
  • Sara Martínez Pumares (2º BAC)
Representante da Administración e Servizos

  • José Vega Chao

 


 


21/3/19

VISITA DE LADO E ALDAO


 O IES Enrique Muruais acolleu hoxe día 21 de marzo a visita de dúas mulleres moi especiais: María Lado e Lucía Aldao. Ofrecéronnos un espectáculo ao longo dunha hora cheo de versos, música e humor. Damos conta  da actividade a través destas fotos e un vídeo que amosa o resultado dun poema que se elaborou (partindo de versos soltos de diferentes poetas) entre todo o alumnado do centro que participou na actividade. Alumnas e alumnos asistentes quedaron  encantad@s cunha sesión poética que bota abaixo e desmitifica a idea de que a poesía é aburrida, amosándonos estas artistas a vertente máis lúdica da creación poética.

Este acto organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, xunto coa Biblioteca do centro e o Dpto. de Lingua Galega, forma parte das actividades que se organizaron para celebrar o Día Internacional da Poesía.

Moitas grazas pola vosa visita, María e Lucía!!





3/3/19

E CHEGOU O ENTROIDO...


O pasado venres día 1 de marzo, houbo celebración no instituto. Comezou a semana o noso MECO (este ano, como non podía ser menos, contamos coa presenza de Abel  Caballero iluminando a entrada do instituto) dando as ordes  para cada día.

Unha edición máis do Entroido, unha das nosas festas por excelencia e que nos divirte un montón. Por iso, este venres xa desde as primeiras horas tanto adult@s como os menos grandes  parecía que non tiñan moitas intencións de traballar e  respirábase ambiente de festa e de inicio duns días de lecer , que tamén viñan ben.

Houbo moita participación do alumnado e, todo hai que dicilo, as comparsas esmeráronse en facer as súas parodias que resultaron do máis gracioso.

Nesta xornada de venres, entre a 2ª e 3ª hora, foron visitando as clases e sorprendendo a profes e  alumn@s uns personaxes un tanto raros que case daba algo de medo velos porque ían enfundados de enriba a abaixo e cun instrumental non moi común dentro das nosas aulas.

Logo durante o recreo , cando xa o xurado fixera a súa valoración, tod@s puidemos degustar os postres e lambetadas de Entroido co que o alumnado participou nun concurso.

Ás 13:30 horas deu comezo o festival de comparsas, que presentaron con moita profesionalidade Miriam e Adrián de 4º ESO. Resultou do máis divertido  e as comparsas fixeron que nos esmendrelláramos coa risa. Foi bastante disputado e o xurado que as valorou, seguro que o tivo moi difícil porque todas o fixeron moi ben. Houbo quen non estivo moi de acordo cos resultados, pero sempre e en todo momento en clave de humor.

Ao remate, tamén houbo música e un pouco de baile a cargo de Celtia e Esteban de 4º ESO. E para remate dun día de festa, soubemos quen foron os afortunad@s que levaron os premios:

CONCURSO DE LAMBETADAS DO ENTROIDO:

1º PREMIO: Torta de chocolate con fresas de Marina, Nerea e Noa de 1º ESO

2º PREMIO: Torre de crêpes de Ainara e Antía de 3º ESO

3º PREMIO: Profiteroles   presentados por  Nuria de 2º ESO



CONCURSO DE COMPARSAS:

1º PREMIO: Comparsa de 1º ESO

2º PREMIO: Comparsa de 1º BAC

3º PREMIO: Comparsa de 4º ESO

Todos os premiados recibirán os seus agasallos á volta das vacacións do Entroido.

Desde este blog do ENDL queremos dar as grazas a todo o alumnado que coa súa participación fai posíbel que esta festa poida ter continuidade e tamén a todo o profesorado colaborador , sempre disposto a botar unha man e que dun xeito ou outro, contribúe a que todo o esforzo realizado pague a pena. A tod@s,  alumnado e profesorado, MIL GRAZAS!!

Podedes ver unha pequeña mostra de fotos, pero se queredes ver moitas máis, podedes ir á galería da web do centro.