O pasado venres día 1 de marzo,
houbo celebración no instituto. Comezou a semana o noso MECO (este ano, como
non podía ser menos, contamos coa presenza de Abel Caballero iluminando a entrada do instituto)
dando as ordes para cada día.
Unha edición máis do Entroido,
unha das nosas festas por excelencia e que nos divirte un montón. Por iso, este
venres xa desde as primeiras horas tanto adult@s como os menos grandes parecía que non tiñan moitas intencións de
traballar e respirábase ambiente de
festa e de inicio duns días de lecer , que tamén viñan ben.
Houbo moita participación do
alumnado e, todo hai que dicilo, as comparsas esmeráronse en facer as súas
parodias que resultaron do máis gracioso.
Nesta xornada de venres, entre a
2ª e 3ª hora, foron visitando as clases e sorprendendo a profes e alumn@s uns personaxes un tanto raros que case
daba algo de medo velos porque ían enfundados de enriba a abaixo e cun
instrumental non moi común dentro das nosas aulas.
Logo durante o recreo , cando xa o
xurado fixera a súa valoración, tod@s puidemos degustar os postres e lambetadas
de Entroido co que o alumnado participou nun concurso.
Ás 13:30 horas deu comezo o
festival de comparsas, que presentaron con moita profesionalidade Miriam e
Adrián de 4º ESO. Resultou do máis divertido
e as comparsas fixeron que nos esmendrelláramos coa risa. Foi bastante disputado
e o xurado que as valorou, seguro que o tivo moi difícil porque todas o fixeron
moi ben. Houbo quen non estivo moi de acordo cos resultados, pero sempre e en
todo momento en clave de humor.
Ao remate, tamén houbo música e un
pouco de baile a cargo de Celtia e Esteban de 4º ESO. E para remate dun día de
festa, soubemos quen foron os afortunad@s que levaron os premios:
CONCURSO DE LAMBETADAS DO
ENTROIDO:
1º PREMIO: Torta de chocolate con
fresas de Marina, Nerea e Noa de 1º ESO
2º PREMIO: Torre de crêpes de
Ainara e Antía de 3º ESO
3º PREMIO: Profiteroles presentados por Nuria de 2º ESO
CONCURSO DE COMPARSAS:
1º PREMIO: Comparsa de 1º ESO
2º PREMIO: Comparsa de 1º BAC
3º PREMIO: Comparsa de 4º ESO
Todos os premiados recibirán os seus agasallos á volta das
vacacións do Entroido.
Desde este blog do ENDL queremos dar as grazas a todo o
alumnado que coa súa participación fai posíbel que esta festa poida ter
continuidade e tamén a todo o profesorado colaborador , sempre disposto a botar
unha man e que dun xeito ou outro, contribúe a que todo o esforzo realizado
pague a pena. A tod@s, alumnado e
profesorado, MIL GRAZAS!!
Podedes ver unha pequeña mostra de fotos, pero se queredes
ver moitas máis, podedes ir á galería da web do centro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario