Este mes celebramos o mes da ciencia. E nada mellor ca comezar con este precioso manifesto que foi lido no centro. Compartímolo con vós:
Está en
todas partes. Dentro do teu ordenador, no microondas e na neveira da cociña, en
todos os medicamentos que tomamos de cando en vez, nos instrumentos de medición
que hai nos hospitais, nas lámpadas que dan luz cando marcha o Sol, no motor do
coche e do patinete eléctrico... chámase ciencia e é unha das ferramentas máis
poderosas que desenvolvemos os seres humanos para tratar de comprender como
está organizado e como funciona o mundo. A ciencia non é unha cousa escura que
só se fai en complexos laboratorios, senón que, por riba de todo, é unha
maneira de pensar, unha actitude para chegar ao coñecemento. Consiste en
observar a natureza con paciencia e curiosidade, dun xeito rigoroso e
meticuloso, co obxectivo de, pouco a pouco, descubrir os mecanismos que se
agochan detrás dunha planta que agroma, dun bebé que comeza a camiñar, dun volcán
en erupción ou dun medicamento que elimina a dor de cabeza. O traballo da
ciencia pode facerse cun lapis e un papel, anotando o paso de aves migratorias,
propoñendo unha hipótese brillante para explicar algún fenómeno da natureza, ou
desenvolvendo unha solución matemática para calcular a danza aérea dunha
bolboreta. E, por suposto, o traballo da ciencia tamén se fai nas instalacións
que hai nos centros de investigación e de ensino, desde as máis simples ata as
máis especializadas. En Galicia temos a fortuna de poder facer ciencia de
calidade nos laboratorios das universidades e doutros centros de ensino. O
importante e botarlle ilusión, paciencia e moita imaxinación. Pero ademais de
facer ciencia, todos podemos gozar do traballo, das achegas e das vidas das
científicas e dos científicos mergullándonos nos libros. Cada libro é unha
viaxe interestelar á mente doutras persoas, ás súas aventuras, penas e
alegrías. Nas nosas bibliotecas podemos gozar sen límite con relatos abraiantes
sobre o funcionamento do cerebro, a vida das abellas ou a construción dun
aeroplano. Cada libro é unha xoia capaz de alimentar e de estimular a mente. E
ademais podemos gozalos na nosa lingua, en galego, porque a ciencia fala todos
os idiomas, pode emocionar todas as mentes. O mes da ciencia en galego nas
bibliotecas é unha oportunidade estupenda para deixarse enfeitizar pola maxia
dos libros e do coñecemento que atesouran. Pero, ollo; esta actividade é
profundamente aditiva e, sen que un se decate, pode acabar gozando da lectura todos
os días do ano.
Xurxo Mariño
Alfonso Dep. Legal: C 1366-2020 Profesor, investigador e divulgador científico