Florencio
Manuel Delgado Gurriarán naceu o 27 de agosto de 1903 na aldea
de Córgomo pertencente ao concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras. Foi o menor dos cinco fillos do
matrimonio de Florencio e Consuelo.
Cando tiña seis anos
transladouse coa familia a Ourense e posteriormente a Palencia e Valladolid
onde cursou o Bacharelato e a carreira de Dereito. En 1928 a familia regresou a
Córgomo e Florencio comeza a traballar como pasante nun bufete de abogados
no Barco de Valdeorras. Neste tempo
escribe moitos versos e publica artigos xornalísticos en A Nosa Terra e O Heraldo de Galicia co pseudónimo de
Korgomófilo.
No 1933 ingresou no
Partido Galeguista. Nesta época coñeceu a Castelao ao que lle dedicará o libro O soño do guieiro.
Co comezo da guerra civil,
FDG foxe de Valdeorras a Portugal, Francia e por último a México onde vivirá o
seu exilio. O Partido Galeguista edita en México no 1943 Cancioneiro da loita galega
no que colabora Florencio con poemas relacionados coa guerra civil e a
resistencia antifranquista. Florencio, ao chegar a México, tivo varios empregos
e traballou nunha empresa farmacéutica ata a súa xubilación.
Colaborou facendo
traducións de poetas franceses no volumen Poesía inglesa e francesa vertida ao galego publicado
pola Editorial Galaxia en 1946 e que foi premiado pola Federación das
Sociedades Galegas da Arxentina. Foi un dos creadores do programa radiofónico
en galego A Hora de Galicia que estivo
en antena en México durante case 20 anos. Tamén foi un dos fundadores, en 1959,
da revista en galego Vieiros con Luis
Soto e Carlos Velo. Deixouse de editar en 1968.
En 1963, a Editorial
Galaxia publica Galicia Infinda, obra que recolle unha boa parte dos poemas de
postguerra; agrupados en cinco partes: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros,
Varia e Poemas mexicanos.
Edicións do Castro
publicou en 1971 Cantarenas que recolle poemas de Bebedeira ,Valdeorresas e
Dionisias. O tema central son as terras de Valdeorras e o mundo do viño.
O Soño do guieiro
foi publicado en 1986 por Edicións do Castro e está dedicado ao seu amigo
Castelao. Recolle poesía da loita, de combate, da guerra civil, da postguerra e
do exilio mexicano.
A derradeira visita de FDG
a Galicia tivo lugar en 1981 e en Valdeorras foi recoñecido como membro
correspondente da Real Academia Galega.
Florencio faleceu en
California o 14 de maio de 1987 nunha visita a unha das súas fillas. As súas
cinzas foron transladadas a Córgomo o 12 de xullo dese mesmo ano.