17/5/22

17 DE MAIO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

  

         E sobre todo, non esquezades que cómpre sementala todo o ano!!               

                                               O esquecernos o galego

                                               para falar en castrapo,

                                               é coma o choio da toupa

                                               que os ollos deu por un rabo.

                                                        (O soño do guieiro, 1986)



Día das Letras Galegas 2022. Florencio Delgado Gurriarán



16/5/22

VIDEOCOTIÁN Álvaro 3º ESO. Moreniña. Quempallou



O tema Moreniña  do desaparecido  grupo folk Quempallou sérvenos de fondo para musicalizar o vídeo que nesta ocasión nos envía Álvaro de 3º ESO. Ánimo, Álvaro, queda só xuño e agardamos un novo traballo teu para rematar este curso.

Moitas grazas polos teus aportes!



 

4/5/22

VIDEOCOTIÁN Álvaro 3º ESO. Se chove. Treixadura

 Subimos a última aportación videomusical de Álvaro de 3º ESO dentro da actividade anual VIDEOCOTIÁN. Nesta ocasión, envíanos o tema  Se chove do grupo de música tradicional Treixadura. Un vídeo que invita á paz e á harmonía cun fondo paisaxístico espectacular.

Moitas grazas, Álvaro polo teu novo traballo!! Seguimos gozando con todo o que nos mandas.




25/4/22

DÍA DO LIBRO 23 DE ABRIL

 Para conmemorar o Día Internacional do Libro, alumnado do centro dos cursos de 1º, 2º ESO e 4º ESO e 2º BAC da materia de TIC elaboraron marcapáxinas. Elixiuse ao remate, o de Ana Hernández Martínez de 1º ESO co que se repartiu entre a comunidade educativa do centro. Deixamos algunhas das mostras ds traballos feitos pol@s alumn@s.

Dende o EDLG agradecemos a participación  do alumnado e profesorado colaborador e felicitamos a Ana Hernández polo seu deseño.






RETORNO SEN VOLTA

 

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Libro, foi a presentación desta obra na Casa da Cultura da Pontenova. Retorno sen volta, un libro de poemas cuxo autor é Xosé Lastra Muruais con ilustracións de Leandro Lamas e publicado por Alvarellos.

 No seu limiar, as verbas de Rosalía Fernández Rial: "Ao anainar este libro entre as mans, lectora,lector, completarás con catarse os ocos do teu baleiro, porque só se pode seguir camiño combatendo a dor con cantos. Sexamos, pois, cómplices dos pequenos himnos cotiáns, tribo verbal, rebeldía fronte á devastación".




11/4/22

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

 



Florencio Manuel Delgado Gurriarán
naceu o 27 de agosto de 1903 na aldea de Córgomo pertencente ao concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras.  Foi o menor dos cinco fillos do matrimonio  de Florencio e Consuelo.

Cando tiña seis anos transladouse coa familia a Ourense e posteriormente a Palencia e Valladolid onde cursou o Bacharelato e a carreira de Dereito. En 1928 a familia regresou a Córgomo e Florencio comeza a traballar como pasante nun bufete de abogados no  Barco de Valdeorras. Neste tempo escribe moitos versos e publica artigos xornalísticos en A Nosa Terra e   O Heraldo de Galicia co pseudónimo de Korgomófilo.

No 1933 ingresou no Partido Galeguista. Nesta época coñeceu a Castelao ao que lle dedicará o libro O soño do guieiro.

Co comezo da guerra civil, FDG foxe de Valdeorras a Portugal, Francia e por último a México onde vivirá o seu exilio. O Partido Galeguista edita en México no 1943 Cancioneiro da loita galega no que colabora Florencio con poemas relacionados coa guerra civil e a resistencia antifranquista. Florencio, ao chegar a México, tivo varios empregos e traballou nunha empresa farmacéutica ata a súa xubilación.

Colaborou facendo traducións de poetas franceses no volumen Poesía inglesa e francesa vertida ao galego publicado pola Editorial Galaxia en 1946 e que foi premiado pola Federación das Sociedades Galegas da Arxentina. Foi un dos creadores do programa radiofónico en galego A Hora de Galicia que estivo en antena en México durante case 20 anos. Tamén foi un dos fundadores, en 1959, da revista en galego Vieiros con Luis Soto e Carlos Velo. Deixouse de editar en 1968.

En 1963, a Editorial Galaxia publica Galicia Infinda, obra que recolle unha boa parte dos poemas de postguerra; agrupados en cinco partes: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros, Varia e Poemas mexicanos.

Edicións do Castro publicou en 1971 Cantarenas que recolle poemas de Bebedeira ,Valdeorresas e Dionisias. O tema central son as terras de Valdeorras e o mundo do viño.

O Soño do guieiro foi publicado en 1986 por Edicións do Castro e está dedicado ao seu amigo Castelao. Recolle poesía da loita, de combate, da guerra civil, da postguerra e do exilio mexicano.

 

A derradeira visita de FDG a Galicia tivo lugar en 1981 e en Valdeorras foi recoñecido como membro correspondente da Real  Academia Galega.

Florencio faleceu en California o 14 de maio de 1987 nunha visita a unha das súas fillas. As súas cinzas foron transladadas a Córgomo o 12 de xullo dese mesmo ano.

 

 

VIDEOCOTIÁN ÁLVARO 3º ESO. Galicia terra meiga. Ana Kiro

 O último videocotián antes de comezar as vacacións de Semana Santa, achéganolo Álvaro de 3º ESO cun tema de Ana Kiro e que leva por título Galicia Terra Meiga.

Moitas grazas, Álvaro!!