26/9/22

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

 

 

Cada 26 de setembro, dende o ano 2001, vense celebrando o Día Europeo das Linguas. Trátase dunha iniciativa do Consello de Europa  para poñer en valor a diversidade lingüística da Unión Europea e para promover a aprendizaxe de idiomas entre a cidadanía no noso continente.

Unha conmemoración que nos lembra a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a diversidade cultural e, sobre todo, de impulsar o uso da nosa lingua para mantela viva por moito tempo.


 ORGULLOS@S DO NOSO, ORGULLOS@S DO GALEGO!!!



 


19/9/22

COMEZAMOS...

 

Vén de comezar un  novo curso escolar e o EDLG do noso centro, xa se pon as pilas para traballar arreo. Este ano estreamos ciclo de FP Dual no IES polo que tamén haberá representante neste equipo.

O EDLG no actual curso 2022-2023 está integrado polas seguintes persoas:

-          Profesorado

·         Carmen Cabodevila Veiga (Departamento de Ciencias Naturais)

·         Andrés Carballosa Calleja (Departamento de Latín e Grego)

·         Cristina Díaz Varela (Departamento de Lingua Galega

·         Teresa García Crecente (Departamento de Orientación)

·         Ana María Loriente Acebedo (Departamento de Educación Plástica e Visual)

·         Ángeles Rodríguez Llamazares ( Departamento de L. Galega e coordinadora)

 

-          Alumnado

·         Bianca Rodríguez Veiguela (1º ESO)

·         Stela Anido Díaz (2º ESO)

·         Julia Armada Recalde (3º ESO)

·         Diego Fernández Fernández (3º PDC)

·         Óscar Ramírez De Arellano-Luengo  (4º ESO)

·         Iago García Fernández (1º BAC)

·         Paula Comendeiro (2º BAC)

·         Blanca Antonela Encina García (Ciclo FP Dual)

 

-          Representante da Administración e Servizos

·         José Manuel Ginzo García

11/7/22

LETRAS GALEGAS 2023 PARA A MARIÑA

Facemos un alto neste período estival para anunciarvos unha boa nova para A Mariña. A Real Academia Galega vén de elixir a Francisco Fernández del Riego como a persoa a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas no vindeiro 2023

Na mesma sesión na que a RAG decidiu a elección de Fernández del Riego, a escritora luguesa María López Sández (1973) foi a elixida para ocupar a cadeira  deixada por Darío Xohan Cabana, por mor do seu pasamento.

Francisco Fernández del Riego naceu en Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913 e mantivo toda unha vida de dedicación plena e compromiso con Galicia e a nosa cultura.

Letras Galegas 2023




25/6/22

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN

 Remata o curso escolar e, como cada ano nestas datas, a Biblioteca do centro expón as súas recomendacións de lectura para que poidades levar esas obras de cara ao verán. O expositor de libros en galego está cheo de interesantes suxestións, asi que non agardedes máis e elixide o que máis vos encha o ollo. 

                                        FELIZ VERÁN!! FELICES LECTURAS!!




24/6/22

XINCANA SOBRE A LINGUA

 Nos últimos días de clase, o alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º BAC, participou nunha xincana sobre a lingua e literatura galegas. Tiveron que superar cinco probas relacionadas con cadanseu bloque curricular. Para iso visualizaron vídeos sobre a historia da lingua, crearon historias a partir de palabras ao azar, revisaron ortografía, crearon liñas cronolóxicas do galego e recoñeceron aos principais autores/as estudados/as a través de xogos de mímica. Os equipos gañadores comemeron moitas lambetadas, e os demais tamén!




22/6/22

ENTREGA DE PREMIOS FINAL DE CURSO

 O luns 20 entregáronse os premios ao concurso de marcapáxinas polo Día do Libro e tamén pola actividade anual do Videocotián. Os premios consistiron en vales de material escolar para gastar na libraría Papeleo da Pontenova.

Ana Hernández Martínez de 1º ESO foi a premiada polo marcapáxinas gañador.

 Nuria López Torviso, Carla Rodríguez García (1º BAC) e Marcos Suárez Capón (3º ESO) recibiron premios pola súa participación  no Videocotián, mentres que Álvaro Rodríguez García de 3º da ESO levou o maior premio pola súa constante participación ao longo de todo o curso neste concurso de microvídeos.

                                Parabéns a todos/as!!!

Moitas grazas pola vosa colaboración e dende estas liñas animámosvos a seguir participando para o vindeiro curso.


 


11/6/22

OBRADOIROS DE PORTUGUÉS

A Deputación de Lugo, a través da súa Área de Cultura, concedeunos ao noso centro dous obradoiros de portugués. Onte, venres, impartidos pola AGAL e durante 100 minutos que foi o que durou cada obradoiro, alumnado de 2º e 3º ESO  tivo a oportunidade de achegarse  dun  xeito lúdico e moi entretido ao mundo da lusofonía.

Co emprego da música e doutros recursos visuais,  a relatora amosoulle ao alumnado que entre o galego e o portugués existe  proximidade canto ao léxico e á ortografía. Ao mesmo tempo, serviu esta actividade para concienciarnos da importancia de coñecer e falar a nosa lingua moito máis aló das fronteiras galegas



.